Borja Reinaldo Tajes: «Quería buscar o recordo da despedida máis bonita»

fran r. / MELISSA RORDRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

JORGE PARRI

O xogador do Conservas Boya vese obrigado a abandonar o balonmán por problemas no xeonllo

13 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O derbi desta fin de semana en Primeira Estatal de balonmán entre o Conservas Boya e o Calvo Xiria foi moito máis ca un partido. O xogador Borja Reinaldo Tajes (Camariñas, 1986), do conxunto de Moncho Canosa, aproveitou o emocionante encontro para despedirse do balonmán polas lesións graves que padece no xeonllo esquerdo dende hai tempo. E tanto a afección carballesa como a camariñana acudiron en masa ó pavillón O Areal para agradecerlle ó xogador todo o que achegou a este deporte durante tantos anos, pois xa antes estivo no Calvo Xiria e no OAR Coruña.

-¿Que é o que lle impide continuar?

-Teño que operarme do nocello esquerdo, pero tamén se suman os problemas laborais, pois comezo nunha compañía nova e tampouco estou nas condicións, cos mundos que corren hoxe en día, de nada máis entrar, coller unha baixa.

Dende o quinto ou sexto partido da tempada, comezóuseme a minguar o xeonllo e as probas din que teño que facer unha limpeza do menisco. Xa tamén tiña as cartilaxes moi danadas de antes.

No ano 2008, opereime do xeonllo dereito e recupereime perfectamente, pero do esquerdo non podo dicir o mesmo. E aínda que eu busquei fortalecelo sempre para gozar e vivir isto o mellor posible, dende que un xogador de Cangas me caeu enriba del, minguoumo máis aínda. Así, eu estaba como unha estatua na pista, comecei a comerme a cabeza e foi cando tomei a decisión de abandonar.

É duro asumir que te tes que apartar tan pronto do xogo, pois este martes [hoxe] cumpro 32 anos. Pero no caso de que me rehabilite serían tres meses apartado, e volver outra vez co traballo, a familia e outras mil cousas que veñen por diante... Por iso decidín que este partido era o momento oportuno para facelo, tanto polo rival que ía ter diante como polo atractivo que se presentaba. Quería buscar o recordo da despedida máis bonita.

-Pero a idade non é unha escusa, xa que hai moitos xogadores veteranos en ambos os equipos.

-Si, está Sergio Facal, no Xiria, e Alan Fuentes, no Boya, que o primeiro é un pouco máis novo ca min e o segundo ten 40 anos, e son puro espectáculo. Pero é tamén un pouco a sorte que ten cada un. A verdade, neste mundo hai que sacarlle o sombreiro a moita xente que ten 36 ou 37 anos e que non só viaxa para sentarse no banco, senón para ensinar a xogar.

-¿A homenaxe cunha vitoria resultaría mellor, non?

-Pese a perder por 22 a 29, o equipo deu a cara en todo momento, como fai sempre. A pena é que, á medida que vai transcorrendo o encontro, vaste enfadando e frustrando porque sabes que, co cadro de xogadores ó completo, pois temos moitas baixas, seriamos máis competitivos e os partidos achegaríanse máis ó noso marcador que ó do rival. Pero é o que toca, e hai que seguir remando.

«Se faltan Catalán, Xabi, Fari, Diego Alonso ou incluso eu, o Camariñas é máis vulnerable»

Borja non se corta un pelo en falar dos imprescindibles do equipo, e tampouco esquece o seu pasado nas Escolas Balonmán Xiria.

-Durante a primeira parte, o electrónico estivo bastante igualado, pero na segunda, como xa é habitual, o Camariñas foi indo a menos e o rival colleu distancias.

-Estamos xogando contra equipos de moito nivel que mesturan veteranos con xuventude e que compiten ata o final. E se a iso lle sumas que no Camariñas hai dous ou tres xogadores titulares que non poden participar en toda a tempada, os cales achegan moito ó equipo tanto en confianza como no xogo pola experiencia que teñen, e que no seu lugar xoga xente que adoitaba ter menos minutos, pois o rival dáse de conta ó longo do partido. Todos sabemos que se faltan Catalán, Xabi, Fari, Diego Alonso ou incluso eu, o Camariñas é máis vulnerable.

-Pero igualmente foi unha auténtica festa do balonmán na Costa da Morte e, sobre todo, de moito compañeirismo.

-Totalmente, unha pasada. Eu pertencín ás Escolas Balonmán Xiria e estoulle moi agradecido ó club e ós compañeiros tanto pola gran oportunidade como pola vivencia. Este sábado desprazouse tanto xente de Carballo como os Boya Blues á pista que vive moito o balonmán e foron un grande apoio.