«O meu soño é ser actor dende que vin unha película de DiCaprio»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Juan Enrique Calvo Putz leva dous anos en Madrid e loita por triunfar. Xa actuou en series de televisión

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Juan Enrique Calvo Putz, pero o seu nome artístico é Juan Putz. Naceu en La Chaux-de-Fonds, un pequeno municipio do cantón suízo de Neuchâtel, máis ou menos a medio camiño entre Xenebra e Berna, e ao lado de Francia. É fillo dun emigrante de Xaviña, Camariñas, e dunha suíza orixinaria de zona francesa, pero de orixe alemán, de aí o seu apelido Putz, que vén sendo -traducido- o imperativo do verbo limpar. É o que elixiu para darse a coñecer, porque tamén o singulariza.

Juan naceu en Suíza, como tantos e tantos veciños da Costa da Morte, pero aos dous anos veu para Galicia e foi á escola e ao instituto na Ponte do Porto, no Manuela Rial Mouzo de Cee e no Terra de Soneira de Vimianzo. Con 19 anos, hai dous, decidiu marchar a Madrid para cumprir o seu soño de ser actor.

-¿Como lle deu por facer iso?

-Pois perseguindo o meu soño. Acabei o bacharelato, quería ser actor e optei por marchar para Madrid a estudar, nunha escola de arte dramática. E facendo cousas, tamén, tanto en teatro como en televisión. Xa participei nun capítulo da serie televisiva Amar es para siempre e noutro de Centro médico.

-¿Ten algo en proxecto?

-Si. Hai unha curtametraxe que se chama Tercera Edad, que trata das relacións dos maiores nos asilos. Estrearase o 11 de marzo na sala Berlanga de Madrid. E, en canto a teatro, estamos preparando unha obra dun excelente coreógrafo arxentino Elías Míguez. Levamos xa dous meses de ensaio, tal vez tres, e o que vaia saíndo. Contamos con que a finais de maio ou xuño poidamos facer a estrea. E logo, todo o que vaia saíndo.

-¿De onde lle vén a vocación?

-Non sei exactamente. Non teño familiares, nin amigos, nin coñecidos que se dediquen a isto. Tampouco participei en actividades escénicas porque non as había. Pero creo que o meu soño é ser actor dende que vin unha película de Leonardo DiCaprio, Diamante de sangue. Tería 14 ou 15 anos, non sei. Esa película marcoume, foi cando dixen: «Eu quero contar estas historias ante os espectadores ou nas pantallas». E así foi como xurdiu a idea de marchar para Madrid, onde aínda estou.

-Pero, ¿non participara sequera en obras de teatro escolares, ou dalgunha entidade?

-Non. Fixen baile tradicional coa Escola Municipal de Música de Camariñas, e estiven en Abrindo o Rejo, de Xaviña, onde aprendín a tocar a gaita, pero nada máis.

-¿Tivo apoio familiar?

-Si. Meus pais deixáronme, xa os ía preparando. Viuse como un ciclo normal: acabar os estudos e marchar. Viron que tiña ganas de facer cousas.

-¿Bota de menos isto?

-Ás veces teño moita morriña, porque ademais aquí a xente é distinta a como somos nós. Tamén cheguei cunhas expectativas moi altas, pero as cousas son complicadas. Non se pode mirar todo en cantidade. Pero estou moi contento. Non me arrepinto. E teño ganas de que me saia algo en Galicia, e en galego.

-O oficio de actor é complicado.

-A carreira artística é complicada en España. Só o 8 % dos actores traballan e poden vivir disto, segundo os datos que se manexan. Eu fago máis cousas, estudo Pedagoxía e mil cousas máis. Pero quero ser actor. Continúo estudando Arte Dramática (son tres anos de período académico), asistindo a cursos con grandes profesionais... É o meu principal soño.

-¿E os amigos, que lle din?

-Ao principio, sorprendeulles, pero agora xa están afeitos.