«Gústame dicir que somos a capital mundial do encaixe»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

XESÚS BÚA

O Concello de Camariñas recollerá mañá en Madrid un premio outorgado a nivel nacional. Fala Sandra Insua, concelleira encargada da promoción da Mostra

30 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, viaxará mañá a Madrid, xunto con Dolores Lema e Sandra Ínsua, para recoller o premio PRENAMO, outorgado pola Asociación de Nuevos y Jóvenes Diseñadores Españoles. A boa nova xa lles foi comunicada antes do Nadal, pero a concelleira encargada da promoción da Mostra amósase moi agradecida ante este novo recoñecemento: «Eu non son nada viaxeira, e porén estou desexando xa ir a Madrid para recoller este premio, estou moi ilusionada polo que isto significa».

-Boas novas para o encaixe camariñán, de novo.

-Pois si, que sexamos o referente nacional para un colectivo de novos deseñadores é unha honra. É un orgullo que nos premien, pero tamén que se fixaran en nós e fixeran un seguimento do noso traballo durante tantos meses.

-E ademais, o premio provén dunha entidade de fóra da comunidade galega.

-Ás veces infravaloramos demasiado o que temos aquí cerca, e teñen que vir de fóra a recoñecer o gran valor das cousas que facemos. Levamos 27 edicións organizando este concurso de novos deseñadores e, un ano máis, farémolo de novo, polo que seguiremos sendo un referente de cara aos rapaces que saen das facultades de cursar os seus estudos de deseño.

-A asociación recoñece, ademais, o labor desempeñado por tódolos axentes que, dun xeito ou doutro, colaboran na promoción desta técnica artesanal.

-O papel máis importante, claro está, xógano as palilleiras, que saben adaptarse á perfección a todo aquilo que lles piden os deseñadores, ata o máis mínimo detalle. Palillan o que sexa, calquera debuxo que se lles encargue. Son extremadamente versátiles e saben adaptarse aos deseños máis modernos.

A min gústame dicir que somos a capital mundial do encaixe, e creo que non ando moi desencamiñada. Pero o bonito é que, nestes últimos anos, estamos tamén converténdonos nun referente de cara ao mundo da moda.

-Dende a organización da Mostra, ademais, apostaron sempre polos creadores emerxentes e a súa capacidade creativa co encaixe.

-Ano tras ano preséntanse máis e máis propostas. Sobre unhas noventa, e son coleccións de aspirantes que proveñen de todas partes de España. Ao final temos que escoller a 26 finalistas, pero sen dúbida todos eles merecerían estar na final, dada a gran calidade dos seus traballos. Definitivamente, é un concurso que ten a súa boa acollida.

-Tamén terá os seus retos aos que facer fronte anualmente.

-Cando comecei coa Mostra lembro que me dicían: ‘pero é moito traballo, e nada doado conseguir que acuda a xente!’ Sabemos que en canto a volume de xente pode que non acuda tanta como nas primeiras edicións, pero chegou a consolidarse de tal xeito que se converteu nunha cita practicamente ineludible para todo o mundo da moda, podería dicirse que mesmo a nivel de todo o Estado.

-¿Que retos teñen por diante?

-Temos varios propósitos que están aí pendentes, como a creación da marca rexistrada, pero imos pouco a pouco. O que estou segura é que se esta iniciativa a xestionase algún ente privado, ou unha asociación, avanzaría moitísimo máis rápido, xa que agora mesmo estamos totalmente atados. A burocracia é, para nós, é o gran problema neste sentido.