«O sono das sereas»: máis Costa da Morte

Juan Félix Neira

CAMARIÑAS

XOÁN A. SOLER

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xornada matutina no Arquivo Diocesano de Santiago, hai xa algúns meses. Un dos máis laureados escritores de Galicia, filólogo e xornalista de formación e docente universitario de profesión, consulta libros parroquiais. Se cadra eran os da freguesía laxense de Santiago de Traba, citados na obra por certo. Si, precisamente aquí está ambientada a breve novela, só 157 páxinas, de Xosé A. Neira Cruz: O sono das sereas (Premio Repsol 2017, Galaxia). É obvio que a Costa da Morte está a converterse nun espazo literario de seu. No ronsel de Costa do Solpor de Xosé María Lema ou O anxo negro de Manuel Gago, o relato é unha homenaxe máis a esta enfeitizante terra na que nos tocou vivir.

O plano do presente: unha médica moza, unha restauradora de arte sacra que se aloxa na casa do cura, o garrido párroco de Traba, unha vella desacougante que reside tamén na reitoral… e unha casa habitada por mulleres, unha delas que case xa non é deste mundo. Os feitos do pasado: un náufrago, artista nórdico que, como Man de Camelle, fica nestes lares e deixa a súa pegada na igrexa parroquial de Traba, en cuxo retablo traballa a estupefacta restauradora.

Pero non é unha pegada calquera a que deixa o náufrago: así o reflicte a ficticia reportaxe de La Voz de Galicia incorporada ao final da novela, que o lector non debe ler baixo ningún concepto, se non quere malograr a experiencia.

Lectura fluída e cautivadora

A moderación de Neira Cruz na experimentación de innovacións narrativas permite unha lectura fluída e cativadora, sostida ata o final pola renuncia a prolixidades enfadosas. Non fagan caso da inoportuna ilustración da portada, o lenzo Morte e vida de Gustav Klimt: no relato todo é menos explícito, máis sorprendente por tanto. Lean esta noveliña, léana dunha sentada, para captar sen interrupcións a atmosfera salobre do Val de Traba, o misterio que encerra a intrahistoria destas terras nosas que confinan co Alén.