Juan Carlos Canosa: «Man xa era en vida e segue sendo o principal activo turístico de Camelle»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

DIEGO ALONSO

O concelleiro camariñán prevé que a finais de xaneiro se podan enterrar os restos do artista

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Canosa Marcote, que recentemente cumpriu os 50 anos, é como concelleiro de Obras e veciño de Camelle unha das persoas que máis de preto segue o que se está a facer pola obra de Manfred Gnädinger, Man, o alemán de Camelle, cuxos restos 15 anos despois do seu falecemento finalmente recibirán sepultura na casa onde viviu.

-¿Cales son os primeiros recordos que ten de Man?

-Temos unha finca moi pequeniña xusto de lado da caseta que antes traballábase e acórdome de ir con meus avós e meus pais e estar pendente do que facía. Despois, de velo sempre correndo, como o saudaba todo o mundo... e, xa con 12 anos ou así, de ir alí á súa caseta facer debuxos cos amigos.

-¿Cando foi consciente do valor que ten a súa obra?

-Eu vivín 22 anos en Asturias e perdinme moito diso. Sempre me chamou o que facía, pero o verdadeiro valor vén, sobre todo, dende que xente entendida na materia comezou a darllo, especialmente a raíz da súa morte. Aínda que antes xa houbo xente como Juan Creus, Antón Sobral, Antón Castro e outra, que seguramente agora se me esquece, que teñen feito artigos e traballos sobre Man e a súa obra.

-¿Que significa para Camelle?

-Xa o era en vida e segue sendo o principal activo turístico de Camelle. Temos o mar, a paisaxe digamos, e máis Man.

-¿Aposta por reconstruír o seu museo ao aire libre?

-É moi complicado. Hai xente como Carmen Hermo que di que hai que deixalo así e outra que aposta por reconstruír, pero habería que saber con que materiais e que criterios. Eu penso que o camiño pode ir no senso do que fixo a Escola de Restauración de Galicia con impresoras 3D en pezas pequenas. Tamén coas novas tecnoloxías de realidade aumentada, do que xa temos unha pequena aproximación na pantalla do museo.

-Quizais é tanto ou máis importante a súa obra escrita.

-Moi importante. Temos unha cantidade de material impresionante. Parte pódese ver no museo e outra está gardada. Un grupo multidisciplinar da Universidade de Santiago con filósofos, tradutores,... levou unha caixa, que é como el gardaba os seus escritos, ordenados coma nun ficheiro. A ver o que sae de aí, pero penso que temos material para estudar durante anos.

-¿Que se fixo ben en canto á conservación do seu legado?

-A min nestes tres anos e pico que levo o que máis me encheu foi o proxecto do GALP de catalogación porque, polo menos, aínda que non o entendamos todo sabemos o que hai. Despois tamén se está traballando moi ben no tema da divulgación e aí hai que recoñecer o papel de Andrea no museo, porque, con moi poucos recursos, acabamos de saír na canle Arte en Francia e Alemaña, todo o que nos chega co Camiño dos Faros, que chamas a xente como Carmen Hermo e veñen encantados a dar unha conferencia...

-¿E que se fixo mal?

-É que todo o que ten que ver con Man é terrible. Aínda agora viñeron os de Patrimonio do Estado, non cultural senón no sentido das propiedades, porque, por fin, estamos a un paso de que nos dean a caseta en propiedade. Eles mesmos tardaron máis de dous anos en rexistrala ao seu nome. Despois por unha esquina está Portos, Costas... e todo se complica moito. É moi difícil de entender e de explicarlle á xente que deixou uns cartos para coidar da súa obra e que ese diñeiro non se destine a iso. A ver, que as subvencións do GALP e da Deputación non deixan de ser diñeiro público, pero non é exactamente o que el deixou. Por iso agora o que estou tratando, a través de García Mira, é que Cultura nos conceda algún tipo de axuda, de proxecto. Que se lembren daquilo.

-¿Cales son agora os seguintes pasos?

-Os actos do sábado e o enterro das cinzas, que estou pendente de que mo confirme a familia pero podería ser para o último fin de semana de xaneiro. Despois seguir traballando no estudo da obra e na divulgación, algo que nos vai ben porque este ano medraron un 23 % as visitas.