O especialista en Pondal Manuel Ferreiro publicou tres libros sobre o bardo neste ano

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Ana Garcia

11 dic 2017 . Actualizado a las 17:27 h.

O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de A Coruña, Manuel Ferreiro, publicou neste ano tres libros sobre Eduardo Pondal, autor do que é especialista.

No editado pola Real Academia Galega recolle 120 poemas baixo o título Os cantos eran da Patria. As composicións están repartidas en quince capítulos, que van desde Polo baixo cantando, que ten aspectos biográficos, ata Polo alto cantando, máis épico. No medio, os poemas están agrupados polos temas que tratan. Hainos de lugares, como De Camelle os baixos son, e os que falan da anguria do paso do tempo ou mesmo da cuestión feminina, tan discutida en Pondal. Neste caso, por un lado están as composicións nas que o vate dá unha visión positiva das mulleres e outra na que as ve dun xeito negativo.

Máis impersoais son dos dedicados á ideoloxía e a historia ou á defensa da lingua.

Outro dos libros é unha escolma xeográfica da poesía pondaliana. Esta é a terra dos eidos amigos foi publicado pola Deputación da Coruña e inclúe mapas de Rocío Romar Roel e de Faustino Gómez Blanco. É un percorrido polos lugares onde viviu ou visitou o bardo, comezando por Ponteceso e rematando pola Coruña, onde morre. Tamén ten un índice de topónimos, algúns moi coñecidos e outros referidos a lugares moi pequenos, practicamente desaparecidos.

O terceiro é de Edicións Laiovento e é un ensaio sobre Eduardo Pondal, o cantor do eido noso. Trátase dunha compilación de traballos sobre o bardo dos últimos 25 anos. Comeza con Pondal: do dandysmo á loucura, publicado en 1991 e xa esgotado e continúa con investigacións dadas a coñecer no 2003, 2008 e 2014. O autor recoñece que nun primeiro momento pensou en reeditar o traballo de 1991 e acrecentalo coas más de 150 novas cartas que foron aparecendo, a maioría nos fondos documentais da Real Academia Galega. O volume de páxinas necesario para conter toda a correspondencia era tal que resultaba pouco recomendable a súa publicación, aínda no ano do centenario da súa morte.

O libro complétase cunha selección de cartas e por unha entrevista-reportaxe xornalística realizada en 1912 por La Voz de Galicia. Probablemente sexa de Santiago del Burgo.