«Gañar o concurso serviume para ver que o que fago non son só paranoias miñas»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

DUVI

A dumbriesa Laura Antelo Gómez decorará o vestíbulo da Facultade de Telecomunicacións de Vigo

10 dic 2017 . Actualizado a las 00:18 h.

A dumbriesa Laura Antelo Gómez, nacida en 1996 na Ponte do Porto (Camariñas), de onde é seu pai, acaba de resultar gañadora do concurso que convocaron dúas profesoras da súa Facultade de Belas Artes en Pontevedra para decorar o vestíbulo da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo. Participaron más de 60 estudantes coma ela e interpreta que a elixiran como un respaldo ao seu xeito de comunicar a través da expresión artística.

-¿Como é o espazo e que vai facer nel?

-É un espazo bastante grande con escaleiras e case dúas alturas, como se tivese unha entreplanta, está a cafetería e ten unha parede moi grande e moi ben iluminada que é a que queren darlle un aire diferente. Foi precisamente esa luz que ten a que me inspirou o proxecto.

-¿En que consiste?

-É pintura, porque houbo algún malentendido. Ao dicir que «iluminaría» o hall de Teleco [o proxecto chámase Luz fractal] houbo xente que pensou que ía facer a instalación eléctrica ou algo así [risas]. Aínda non sei exactamente como o executarei, pero o que vou facer é pintar atendendo ao contexto, porque a min gústame moito xogar a nivel visual coa xeometría e, botándolle un pouco de imaxinación, vai ser iso, como unha onda de luz. O obxectivo é esa parede central, pero tamén incluín algunha columna, algunha cousiña máis.

-¿Cantas veces lle dixeron que estudase algo que dese de comer?

-[Risas] Houbo un que me dixo que era unha moi boa carreira para morrer de fame. Da moitas alegrías -algunha que outra frustración tamén-, pero eu na casa non tiven problema, digamos que foron bastante permisivos. Sei que meterse neste mundiño é difícil, pero os que tivemos a sorte de estudar uns anos así tranquilamente a verdade é que che dá moitas alegrías.

-¿Que lle supón gañar o concurso?

-Ter a túa obra exposta nun sitio público sempre é o mellor premio, pero isto serviume, sobre todo para ver que o que fago non son só paranoias miñas, senón que alguén comparte esa forma de ver, o que trato de expresar.

-¿Que camiño pensa tomar a partir de aquí?

-Boa pregunta. Moito pensado non teño, pero a verdade é que isto cambioume un pouco a cabeza. Estou en cuarto e por un lado penso en facer unha mestría para ter un traballo, digamos máis estable, aínda que iso agora non cho garante nada. Ao mesmo tempo tamén teño a idea de seguir buscando concursos e cousas así, polo que teño medo de que se me meto na mestría poda deixalo un pouco de lado. O ideal sería atopar así algo seguro e ao mesmo tempo seguir facendo as miñas cousas.

-¿Como leva a piragüismo?

-[risas] Agora dende que estou en Pontevedra un pouco difícil porque non podo ir, pero teño a Quique [Portela, adestrador do club dumbriés] e todo iso moi presente. Eu empecei un pouco tarde, xa de cadete, en terceiro da ESO ou por aí, pero medraron moito, teñen un rapaz en Cataluña, outra aquí no centro de tecnificación e bastante difícil porque a nivel da Administración e iso sempre se prima o fútbol e outras cousas. É duro porque non tiñamos nin vestiarios e creo que aínda segue así; moitas viaxes na furgoneta... bótoo de menos a verdade. A primeira vez que fun remar leváronnos ao embalse e eu pensei que era pista, pero despois o segundo día cando che poñen o casco e che din que te tés que botar polo río abaixo dis: «¿O que? ¿Que me estás contando?». Agora ben, unha vez que tocas un río bravo non queres outra cousa. Dáme pena que aquí en Pontevedra non teña esa oportunidade.