A parroquia de San Pedro de Vilar, importante lugar de paso de antigos camiños

Evaristo Domínguez Rial, Xosé María Lema Suárez

CAMARIÑAS

Parroquia de Vilar
Parroquia de Vilar EVARISTO DOMÍNGUEZ

Esta pequena parroquia protagoniza a sección «Zas polo miúdo» deste mes

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

San Pedro de Vilar, en Zas (a web municipal inclúea cada mes os datos dunha parroquia) conta con aspectos certamente interesantes. Empecemos por dicir que esta parroquia e a súa veciña de Lamas son as máis achanzadas do concello, pois teñen poucos desniveis. O río de Vilar atravesa as súas terras mainamente de sur a norte para empatar co río Grande (ou, máis propiamente, río do Porto) entre Bamiro e Baio; na súa beira esquerda asentáronse tres lugares: Vilar, Saconde e Quintáns, con cadansúa pontella; felizmente, as dúas primeiras conserváronse de pedra, circunstancia que convida ó sendeirismo (non sobraría limpalas de maleza con máis frecuencia).

A de Vilar quizais teña a súa orixe na época romana, posible lugar de paso entre Brandomil e Tines, parroquias con restos arqueolóxicos romanos. Pasaron por ela, en 1809, tropas francesas desprazadas desde Santiago para atacar Camariñas (os veciños tiveron que entregarlles unha boa cantidade de trigo) e ata finais do século XIX foi un punto importante no vello Camiño de Santiago á Terra de Soneira (aparece sinalado na Carta Geométrica de Domingo Fontán, 1834). Despois perdería importancia cando a finais do século XIX se construíse a estrada de Santiago a Baio.

Conta a parroquia con tres topónimos que son únicos en Galicia: Artón, Saconde e Sandrexo. Outro dato curioso é que as aldeas de Pazos e Sandrexo son compartidas con outras parroquias: Tines e Vilar, respectivamente, as dúas do concello de Vimianzo. En Pazos tivo a súa orixe, no século XV, a familia fidalga deste apelido, que se espallaría polas terras de Soneira e Nemancos. De Sandrexo era o escultor e retablista Francisco Castro Agudín, autor dos retablos da igrexa e doutros das freguesías da redonda.

Para rematar, o colaborador Chema Rei Lema fai unha semblanza biográfica dun importante personaxe oriúndo de Artón: José López Pérez, cofundador da Real Academia Galega na Habana (Cuba), en 1906, pois era el daquela o presidente do Centro Galego. En 1908 veu acompañando o cadáver do poeta Curros Enríquez; asistiu na Coruña ó seu enterro multitudinario e, acompañado do seu pai, visitou Artón, onde foi recibido de xeito apoteósico.