O campanario da igrexa de Vimianzo

A cantante de Arou, vocalista de Luar na Lubre, retrata a emigración, a vida dura e tenra das xentes da terra, a partires das mans dunha persoa moi especial para ela e toda a súa familia


Sempre me gusta reparar nas mans das persoas porque amosan moito sobre quen somos e do que facemos. Creo que podería recoñecer á maior parte das amigas e familiares polas súas mans. As súas, eran grandes e a un dos dedos meimiños faltáballe a unlla, perdeuna nun accidente cunha máquina de amasar o pan, na Arxentina. Esas mans grosas eran de bo xogador de cartas. Del aprendemos meu irmán e mais eu a facer castelos de naipes e a xogar á escoba e ao burro.

En maio do 61 embarcou con rumbo a San Paulo desde A Coruña e ía acompañado doutros mozos de Xaviña (Camariñas). Levaba algo máis de 6.000 pesetas no peto. O plan era cruzar a fronteira arxentina porque para entrar no país necesitábase unha carta de invitación da que el carecía. Non imaxino o que tivo que ser a viaxe no vapor, un mes de travesía, o simulacro de afundimento, as horas mortas pensando no que deixaba atrás e no que viña por diante... Cruzaron a fronteira por Paso de los Libres e viviu de ilegal bastante tempo na casa duns amigos en Bos Aires. Na pequena aldea de Arou, en Camariñas, quedaba a súa muller. Ela, Generosa, esperou tres anos, mil cento noventa e cinco días ou máis. Non imaxino o que son tres anos inmensos (sen saber que ían ser tres anos) de espera para volver a verse. Nas cartas que se enviaban tamén ían as palletas para a gaita.

El tamén foi gaiteiro mais nunca o vimos exercendo como tal. Alá en Bos Aires, traballou tamén de estibador no porto e co tempo e a experiencia, aprendeu o oficio de panadeiro, como outros tantos galegos emigrantes. Chegou a ter bastantes negocios diferentes na capital arxentina e con moitísimo esforzo conseguiu prosperidade para a súa familia.

Era de Carnés, o lugar ca festa gastronómica máis antiga de Galicia, a famosa Faguía. Asubiaba moi ben, sempre asomado na fiestra da súa casa de Arou, desde onde se ve o mar, na Braña de Lazo. Pero antes de coller o vapor para San Paulo, antes de gastar as 6.000 pesetas para pasar a fronteira de ilegal por Paso de los Libres, antes de traballar de estibador no porto de Bos Aires, antes de percorrer o país coa súa gaita, moito antes de todas aquelas historias, exactamente un mes antes de emigrar, terminou a reforma do campanario da igrexa de San Vicenzo de Vimianzo.

Pertencía á estirpe dos últimos canteiros de Carnés que recolleron a tradición ancestral e traballou xunto coa colla de pedreiros do Mantido. David Faustino García, o meu avó, o cuarto de sete irmáns, panadeiro, gaiteiro, estibador, era bastante tímido e cando eu o coñecín levaba un anel cunha pedra grande, vermella e cadrada no dedo anular. Un anel de mago ou de bispo ou de canteiro... Sempre me gusta reparar nas mans das persoas.

DNIBelém Tajes naceu en Bos Aires (Arxentina) no 1985, aínda que se criou en Arou (Camariñas). Cantante e compositora, é especialista en musicoterapia. Tajes é a vocalista no grupo folk Luar Na Lubre dende xaneiro deste mesmo 2017 e tamén no proxecto persoal VooDoo. Empezou a súa andaina musical no ámbito da música tradicional, posteriormente pasou polo Conservatorio da Coruña e Carballo e máis por varias escolas de música de Santiago e A Coruña, onde estudou gaita, violonchelo e piano. Recentemente, realizou unha viaxe musical por Irlanda no proxecto Tosta Cultural Cargo, un programa de intercambio lingüístico e cultural entre nacións con linguas minorizadas. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

O campanario da igrexa de Vimianzo