«Non hai día que vaia ao mar e non lle rece á Virxe»

SHEYLA BERMÚDEZ / P. B.

CAMARIÑAS

Diego Alonso Freire

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Evaristo Antelo, coñecido en Camariñas como Ito, ten 36 anos. Licenciado na Marina Civil, é patrón dun barquiño. El e os seus compañeiros esperan as festas do Carme con moita ilusión.

-¿De que maneira viven os mariñeiros as festas do Carme?

-Estamos todo un ano esperando ese día. Todos somos devotos da Virxe do Carme. Sempre lle pedimos que nos axude. Eu non hai día que vaia ao mar e non lle rece para que me axude a pescar e a vir ben de volta. Pido por min e pola miña xente. Para os mariñeiros a Virxe do Carme significa todo.

-¿Que é o mellor da festa?

-A danza de arcos en honor á Virxe e a procesión marítima. Sen estas dúas cousas sería unha festa máis, unha calquera.

-¿Vai moita xente á procesión?

-Si. Vén xente do pobo e dos arredores e tamén lle gusta subir aos barcos aos veraneantes para disfrutar da procesión. Hai moi bo ambiente.

-¿Qué lle piden á Virxe?

-Fáiselle unha homenaxe aos que morreron afogados ao largo de todos estes anos. Tírase unha coroa no mar e os barcos dan tres voltas ao redor dela en honra aos desaparecidos e aos que morreron afogados.

-¿Consegue reunir á familia toda?

-A xente que está fóra intenta coller vacacións nestas datas para pasalas coa súa familia. Reúnense os amigos que están fóra, os que colleron un rumbo distinto ao de seguir no pobo.