«Estiven en todas as festas porque nunca saín do pobo»

La Voz

CAMARIÑAS

Diego Alonso Freire

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

 José Manuel Tedín ten 65 anos. Este mariñeiro, de Camariñas de toda a vida, espera con moita ilusión os festexos da Virxe do Carme.

-¿Que é o que máis lle gusta da festa?

-A procesión marítima, na que van todos os barquiños xuntos, e a procesión da imaxe da Virxe.

-¿Como vive esta celebración?

-Con moita ilusión. Normalmente faise a misa no peirao e logo sae a procesión de Camariñas cara Muxía. No medio do camiño faise a ofrenda. Tíranse a coroa e as flores ao mar.

-¿Que lle soe pedir á Virxe?

-Os mariñeiros pedímoslle que nos dea sorte, saúde e pesca. Cando imos navegando pedimos que nos dea pesca sobre todo.

-¿Algunha vez se perdeu estas festas?

-Non, estiven en todas as festas porque nunca saín do pobo.

-¿Melloraron as festas desde os anos 80?

-As festas van a peor no sentido de que antes, no ano 86, cando íamos pedir, non tiñamos que pedir permisos nin pagar impostos. Agora teñen moitos gastos. Por outro lado, cada ano aumentan os preparativos e as actividades que se levan a cabo.

-¿Son moitos días de festa?

-Mira, alá polo ano 87 organizamos unha semana enteira de festa. E con orquestras moi boas, que as deste ano non o son tanto.