Non caben máis adiamentos: os tempos son chegados

X. Manuel Barros MAR DE FÁBULA

CAMARIÑAS

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 17 de xuño celebrouse na Fundación Eduardo Pondal, Ponteceso, o segundo Encontro galego do lixo mariño. A limpeza do mar. Esta actividade, organizada pola asociación Mar de Fábula e a propia fundación, tivo o formato de charla-coloquio na que participou un núcleo inicial de organizacións de profesionais do mar, membros da asociación conservacionista e público asistente.

Partindo da realidade máis que contrastada da presenza masiva de lixo plástico no mar e no noso litoral, cunha alta porcentaxe de refugallos da industria pesqueira, as voces deste encontro foron dirixidas a marcar o énfase na necesaria prevención nas tarefas cotiás tanto a bordo coma en terra. Ao tempo, e sen fuxir da autocrítica, cada un dos participantes valorou a potencial incidencia do seu sector nesa porcentaxe do 20 % de refugallos plásticos que, a maioría das estatísticas a nivel internacional, sitúan a súa orixe nas actividades industriais no mar.

Alí estiveron representantes de Asoar-Armega, as confrarías de Camariñas, Laxe e Corme e as agrupacións de mariscadoras de Camariñas e do Anllóns. Persoas traballadoras, admirables, con moitas horas ao seu lombo de traballo duro e de defensa dos seus colectivos, incluso en foros a nivel europeo.

Despois de dúas horas de exposición intensa e axitado debate, os integrantes da mesa, asinaron a Declaración do Couto, documento de mínimos, no que asumen a responsabilidade de minimizar e previr a contaminación do mar polos plásticos ao mesmo tempo que fan un chamamento á sociedade galega e ás institucións que nos representan para que respecten e defendan o seu ámbito de traballo, que non é outro que o mar de todos.

Foi un acto cargado de simbolismo e notable polo que significa de colaboración entre os profesionais do mar e as organizacións conservacionistas para a preservación do medio mariño.

Cómpre sinalar, unha e outra vez, que o sector pesqueiro non é o malo da película. O malo da película é o neoliberalismo, versión extrema do capitalismo, que está afundindo Europa e agredindo o medio ambiente a nivel mundial co seu modelo de fabricar, consumir, usar e tirar, tanto cousas como persoas. Este sistema económico é responsable do 80 % do lixo que chega aos océanos dende terra firme, nun fluxo arreo de millóns e millóns de toneladas de refugallos plásticos en todas as súas formas, tamaños, composicións e diferentes estados de degradación, até chegar á fase irrecuperable dos microplásticos, un grande interrogante para o futuro, pousado no fondo dos océanos.

Nunca remataremos de limpar o mar se cada un de nós non asumimos a nosa cota de responsabilidade na defensa e conservación do medio mariño. Sabémolo ben as organizacións de voluntarios que limpamos ano tras ano as praias e coídos do noso litoral e que somos testemuñas da arrepiante situación á que temos levado os océanos. A seren un sumidoiro de lixo, un saco sen fondo.

Por iso, a poucos días de ter celebrado este segundo Encontro Galego do Lixo Mariño na Fundación Eduardo Pondal, queremos facer fincapé na relevancia da Declaración do Couto como un primeiro paso, un documento inicial e aberto á incorporación doutras confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras do noso litoral así como de colectivos profesionais e institucións relacionadas coa natureza e o medio mariño galego.

Facemos esta declaración no convencemento de que os tempos son chegados, de que non hai lugar a máis adiamentos, para xuntar as nosas mans e atallar a degradación, o desleixo e o abandono dos nosos espazos comúns, aqueles que nos identifican e conforman. E o máis grande e valioso dos nosos espazos comúns é o noso mar.