O Couto acollerá o sábado o segundo Encontro Galego de Lixo Mariño

La Voz

CAMARIÑAS

A Fundación Eduardo Pondal colabora co colectivo Mar de Fábula na celebración da xuntanza

13 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Hai case 11 meses o Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, foi escenario do primeiro Encontro Galego arredor do lixo mariño e das crebas. Agora, un dos seus promotores, o colectivo Mar de Fábula, aliouse coa Fundación Eduardo Pondal para que a aldea pontecesá do Couto acolla a segunda edición deste foro de reflexión e debate medioambiental. A limpeza do mar é o subtítulo baixo o que desenvolverá este novo Encontro Galego do Lixo Mariño, previsto para a tarde deste sábado (desde as 17 horas) e que reunirá a persoas de diversos sectores relacionados con ese medio.

Entre os participantes figuran Sven Schwebsch, crebeiro alemán afincado na Costa da Morte que chegou á comarca como voluntario durante a catástrofe do Prestige; así como representantes da asociación Asoar Armega, das agrupacións de mariscadoras do Anllóns e de Camariñas, e das confrarías de pescadores desta última localidade, Laxe e Corme. Ubaldo Cerqueiro exercerá de moderador da velada.