Medidas

Brais Capelán Á REVIRAVOLTA

CAMARIÑAS

03 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana pasada publicouse nas redes un comunicado do Camariñas no que se desmentía mesmo o contido das actas arbitrais de dous encontros da Liga da Costa nos que participou. En ambos partidos houbo problemas -insisto de novo, segundo o colexiado- cunha minoría da afección visitante, a do Camariñas. A pasada fin de semana asistiuse en Vimianzo a un terceiro capítulo de esta historia de violencia -xa sexa física ou verbal- na Liga da Costa. O porteiro do Baíñas, Maikel Cambeiro, de só 18 anos, tivo que abandonar o campo tras recibir insultos de afeccionados camariñáns. Antes de nada, hai que aclarar que isto non é unha crítica aos seareiros do Camariñas, pois ningunha afección pode ser sinalada pola actitude dun reducido grupo.

Os feitos aí están. Xa son tres encontros que disputa o Camariñas nos que hai problemas. ¿Medidas? Polo momento, parece que non haberá ningunha. Existe ademais o agravante de que un xogador do Camariñas participou dos insultos a Maikel, pero o seu propio adestrador recoñece que non se lle vai impor ningún tipo de sanción interna. Se cadra, será a próxima vez -a cuarta xa- cando os dirixentes do equipo decidan actuar e asumir que hai un problema que deben solucionar. Igual, en lugar de mirar tanto para fóra, deberían pensar no exemplo que dar tolerando e incluso defendendo certas actitudes das que hai que fuxir na Liga da Costa.

Malos tempos

Son malos tempos para ser do Laracha. Polo menos, esta última semana. Se aínda quedan moitas preguntas sen resposta no caso do cese de Carlos Brizzola como adestrador, a reclamación do Atlético Arteixo por aliñación indebido é un novo tiro no pé para un equipo que por xogadores e fútbol amosado debería ser un claro favorito para xogar a próxima tempada en Terceira.

O inicio do idilio de Chollas co banco da Laracha queda, polo menos ata que o Comité ditamine, en stand bye. O bo xogo amosado o domingo pode non reportar os tres puntos que reflectiu o marcador, pero amosa que se equipo, adestrador e directiva reman cara a mesma dirección, as cousas saen e os resultados chegan. Serán catro meses moi intensos, nos que calquera caída pagarase moi cara no Municipal da Laracha. Só unha segunda volta inmaculada poderá facer que os afeccionados podan ver, unha vez finalizada a derradeira xornada, aos seus entre os dous primeiros clasificados.