Momentos inesquecibles na Costa da Morte

tania carreira rial

CAMARIÑAS

«A comarca hai que desfrutala día a día, coñecela, recorrela, camiñala, vivila...»

09 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Toda historia ten un comezo e un final. Esta comeza coa creación dun blog sobre a Costa da Morte, grazas ao cal cada día neste recuncho de Galicia converteuse nunha vivencia distinta, tantas como postas de sol se poden gozar ao longo do ano.

Non todas as experiencias vividas pesan igual. Hai unhas que destacan sobre as outras, pola xente que forma parte delas, polo que te fan sentir ou polo lugar no que ocorren. Un deses lugares é O Ézaro. Non sei por qué é o primeiro que se me vén á cabeza cada vez que teño que escoller un sitio para falar del... ou si! Foron tardes, días e veráns enteiros alí, gozando das postas de sol, do mar, dos amigos. Sempre que penso no Ézaro véñenme a cabeza os nomes de Ovidio, Mario, Franco, Álvaro, Pablo -a quen lles dediquei a miña Tese de Máster- e, entre outros días, aquel ben caloroso 30 de xullo de 2013, un deses días non abundan na Costa da Morte.

Non recordo qué hora era, pero sería máis ben contra a tardiña. Estabamos no chiringuito que ese mesmo ano Ovidio, se non recordo mal, abrira na praia do Ézaro xunto á casa de pedra. Estaba a marea baixa. Non lembro a quen dos que alí estaba se lle ocorreu, pero acabamos na beira do mar cunha mesa, cadeiras e antuca, coa auga ata os xeonllos. A xente que estaba na praia non paraba de sacarnos fotos. Sen dúbida, unha boa estampa, e máis cando o impoñente Monte do Pindo nos servía de telón de fondo. Este é un de tantos outros, de subidas ao Monte Pindo, de rutas de sendeirismo, daquel día que me levantei ás 7 da mañá para ir ás illas Lobeiras e ver saír o sol por detrás do Monte Pindo...

Pero O Ézaro non é o único lugar que queda impreso na miña retina. Outro no que tamén pasei un verán enteiro foi en Lires, no bar Praia de Lires. Ese sitio ao que chegas, sentas nunha desas mesas que están fóra, pides unha tortilla -unhas das miñas comidas preferidas- un viño e gozas das vistas. O tempo párase e desaparecen os problemas. Recordo aquel 19 de maio de 2014, que levara a un amigo que nunca fora e díxenlle que non marchabamos ata ver a posta de sol. Desde as catro ou cinco da tarde tomando chupitos de crema ata as dez da noite! Quedaramos para ir á festa, pero unha vez na casa para cambiarme, alí quedei...

Podería seguir recordando multitude de momentos e lugares. Como Camariñas, concretamente o faro e o cabo Vilán. Un deses sitios que dá igual dende onde o mires, dende a praia de Reira, a piscifactoría, o mar, ao amencer, ou ao solpor, coa néboa... sempre impresiona dunha maneira especial.

Aquí tamén as persoas xogaron un papel importante: Olga, Mani e Norma, Camuel, Gabriel, o Cocheiro, Vicente. Daba igual o que lles pediras, sempre estaban aí para botar unha man, dende colgar uns cadros ata vixiar que a xente non marchara cos libros. Gardo un recordo especial para Quico, un home que foi coma un pai para min mentres estiven traballando no faro de cabo Vilán e a quen lle teño un grande cariño e aprecio.

E falando de pais, véñenme a memoria as comidas que miña nai me facía para levar para o traballo, das que desfrutaba igual que das vistas desde a praia de Reira. Finalmente recordo momentos vividos con xente da costa e de fóra que fixeron posible momentos especiais como o viaxe ás illas Sisargas, ou ás illas Lobeiras, ou ver o faro Vilán e a posta do sol dende o mar... A Costa da Morte hai que gozala día a día, coñecela, recorrela, camiñala, vivila... Sen dúbida, rematará por espertar mil sensacións e encherte de vida, como a min.