
«Encántame retratar as vodas, ver a cara de felicidade dos noivos é impagable», di Diego Alonso Freire
14 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A súa profesión estaba cantada dende moi novo. Non tiña elección posible. Fotógrafo... ou fotógrafo. Sobre todo cando pertence a unha familia camariñá dedicada a esta «arte» dende hai tantos anos. O seu bisavó Ramón Alonso xa tiña un estudo de fotografía. Logo veu o seu avó, Manolo Alonso, con Foto Alonso. A tradición continuou cos seus pais, Manuel Valeriano Alonso de León, alcalde de Camariñas, e Mari Carme Freire Ramos. Ata unha tía súa, Isabel, é fotógrafa. Diego Alonso Freire (1976, Camariñas) recoñece que a súa fascinación por este mundo vén de pequeno: «Creo que nacín cunha cámara ao lombo».
Lembra os seus inicios: «Meus pais tiñan un cuarto no estudo onde gardaban aquelas cámaras antigas de carrete do meu avó, quen, por certo, morrera moi novo con pouco máis de 50 anos. Tiña eu daquela tres ou catro anos. Collía as cámaras é dáballes aos botóns e miraba os números. Facía que sacaba fotos á xente. Copiaba dos meus pais, incluso, a forma de manexalas». Era unha época daquela na que Manuel Valeriano Alonso, Pichurri, e a súa exmuller, compaxinaban o traballo no estudo de fotografía, Foto Alonso, coa profesión de comercial de seguros. «Foi unha etapa na que aprendín moito. O meu pai chamábame para que vira como se manipulaban as fotos para deixalas perfectas. Era o Photoshop de antes [sorrí]. Pichurri entrou na política e como alcalde deixou a un lado o mundo das cámaras para levar as rendas do Concello. «Foi o meu momento», recoñeceu Diego Alonso. Colleu o local dos seus pais e montou o seu propio negocio: Diego Alonso Fotógrafo. «Diso haberá uns dez anos». Casado con María Jose Carril Martínez, Diego quere dar unha mención especial para a súa muller: «Formamos un gran equipo, ela é o 50 por cento en todo, pola dedicación e o compromiso, é unha gran profesional».
Alonso Freire sinte especial fascinación polas vodas: «Esas imaxes son especiais, únicas. Cando tratas as fotografías e creas un álbum ves os rostros de felicidade da xente plasmados nun papel ou nun cedé. E cando veñen despois ao estudo a recollelas volves a ver esa cara de ledicia. Iso é impagable». Como fotógrafo ten os seus sitios preferidos ou con encanto: «Reira e Faro Vilán son de obrigada visita, moitos queren as reportaxes neses sitios, aínda que teño que recoñecer que hai un sitio tremendamente especial: Punta Nariga. Xa estivera outras veces pero o outro día estiven facendo unha reportaxe posvoda e quedei marabillado de tan beleza. A verdade é que é incrible». Alonso Freire emprega todo tipo de cámaras, sobre todo Nikon e Canon : Como se de un Barcelona-Real Madrid se tratase, pregúntaselle cales son os mellores materiais: «Canon e Nikon teñen moi bos equipos, pero eu decántome por Canon. Pódese dicir que son canonista».
Sobre se a historia de fotógrafos continuará na familia Alonso, Diego ten claro que si. O seu fillo, Tiago ten apenas cinco anos e xa lle dá xeito. «Fíxase en nós e fai que tira fotos. É moi simpático velo cunha cámara. Creo que será un bo fotógrafo», apuntou entre sorrisos.
Sobre o emprego de smartphones para facer fotos, Diego Alonso non cre que sexa o final do sector, ao revés: «A xente valora máis o noso traballo porque agora si sabe o que custa tomar unha boa imaxe e plasmala nun bo papel».
En todo caso, apela á «calidade e a diferenciación» para sobrevivir a un mundo tan competitivo. «No noso caso, un 30-35 por centro da facturación anual dedicámola a ir a cursos, a acudir ás conferencias e feiras especializadas para tratar de incorporar ideas e proxectos ao noso traballo no estudo. Creo que iso é clave para manterse no mercado», asegurou Diego Alonso.
D.N.I. Diego Alonso Freire naceu en Camariñas en 1976. Casado con María José Carril, leva dez anos co seu estudo, Diego Alonso Fotógrafo.
Antecedentes. Pertence á cuarta xeración dunha familia camariñá de fotógrafos, que iniciou o seu bisavó Ramón Alonso.