«Ata o ano 1899 atopei nos baixos de Baldaio sobre quince naufraxios»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCIA

O investigador presenta unha crónica sobre os naufraxios galegos ata finais do XIX

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador naval Fernando Patricio Cortizo, coruñés moi vencellado á zona, segue coas presentacións do seu libro Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899, froito dos últimos dez anos de traballo. Hoxe tócalle en Vigo, no Museo do Mar. O investigador xa fixera hai uns anos un percorrido polo mapa do naufraxio galego.

-¿Que engade este libro aos seus anteriores?

-Fixen un no 2001 que abranguía a mesma cronoloxía, dende os inicios das civilizacións ata o final do século XIX, pero este non se parece nada ao outro. Aquel presentaba 392 naufraxios e este 1.196, dos que 296 son inéditos.

-¿Que fontes traballou para ampliar tanto os resultados?

-Nestes máis de dez anos visitei moitos arquivos, como o de Ciudad Real, onde a Armada ten o arquivo da antigas axundantías de Mariña. Aquí, visitei tanto os arquivos eclesiásticos como civís e militares. Ademais, agora Internet permite consultar arquivos sen desprazarte. Tamén fixen moitas entrevistas a xente maior do mar e tamén a xente que traballou en empresas de salvamento, unha tarefa que a min me reconforta moito. Falando con eles poñemos en valor unha gran patrimonio inmaterial.

-¿Hai puntos negros na costa galega?

-Si, na zona da Coruña está a Pedra das Ánimas, xusto ao pé da torre de control marítimo. Alí esnafráronse moitos barcos tratando de entrar na Coruña. Seguindo cara ao suroeste, os baixos de Baldaio, onde comeza a Costa da Morte. Ata o ano 1899 atopei sobra quince naufraxios. As Sisargas e os seus baixos; dende Camelle ás Quebrantas; o baixo do Farelo e os Buxeirados en Touriñán; Fisterra co illote do Centolo e o baixo de A Carraca; o baixo do Duio e Forcados, fronte a Lira; Bruios, Miñarzos e Meixidos ata Muros; e os baixos de Corrubedo. Despois están as Cíes e o arrecife de A Borneira no litoral norte da ría de Vigo. A ría sempre tivo moito tráfico marítimo e polo tanto moitos accidentes.

-¿Cales son os naufraxios máis antigos que atopou?

-Atopado por min nun arquivo é un bergantín afundido na ría de Ribadeo do ano 1799. Unha das historias máis bonitas que ten este libro contouma Santa Cruz, o chatarreiro da Coruña. El atopou en Corno, Camariñas, nos anos cincuenta, un lingote de cobre. A base de indagar soubo de onde podía proceder. Eran os restos do correo real La Cantabria, que afundira en 1773, levando material para a ceta de Xubia.

-¿No libro dálle explicación aos accidentes?

-Normalmente, o accidente ten un alto índice de erro humano. A navegación era moi difícil porque pilotaban por estima, cerca da costa e de día. Se un superpetroleiro como o Urquiola, en maio de 1976, embarrancou entrando na Coruña, imaxine como podía ser antes. Hai moitos cabos na Costa da Morte que teñen unhas restingas que van saíndo cara ao mar e non estaban nas cartas. Ademais, estamos nun punto no que entramos de cheo no Atlántico con todo o que iso supón.

-¿Había seguridade marítima?

-Hai zonas onde tan só hai 50 anos que se actualizaron as sondaxes. Cando foi a transición da vela ao vapor comézase a construír barcos en cantidades inxentes que provocan un aumento do tráfico, especialmente británico. Algúns accidentes destes barcos provocaron queixas dos seus gobernos o que deu pé a construción dos primeiros faros. O primeiro que se instala na costa galega, aparte da histórica Torre de Hércules, foi en 1844 na Guía, dentro da ría de Vigo. Era o que permitía enfilar o porto de Vigo. A lei de alumeado marítimo de 1947 permitirá despois a construción dos faros na costa.

-¿Do punto de vista dos mariñeiros, cando foron máis castigados?

-Cariño, Mugardos e Cangas son as vilas mariñeiras que máis perdas de vidas no mar sufriron na historia. Hoxe en día os perigos son os mesmos, pero as condicións, tanto de abrigo nos portos como de navegabilidade, melloraron moitísimo. Pero mira, no ano 1992, nos baixos de Baldaio afundiuse un pesqueiro chamado Os Tonechos e morreron nove persoas, e iso pasou practicamente onte.

-¿Cales son os grandes desastres?

-O máis coñecido é o Serpent, na Punta do Boi, en Camariñas, no 1890. O cemiterio dos ingleses ten unha historia anterior porque houbo outros naufraxios antes na mesma zona.