«En medio mes xa haberá que estar planeando a seguinte Mostra»

P. Blanco, V. Couto CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

JOSE MANUEL CASAL

Di que a 26.ª edición do encontro artesán os deixa contentos e incide en que detrás da cita hai un todo un equipo

29 mar 2016 . Actualizado a las 21:41 h.

A 26.ª edición da Mostra do Encaixe de Camariñas rematou o domingo e toca facer balance do saber de boca que deixou. Pese a que o mal tempo afectou a algunha actividade, as sensacións logo da cita son boas. Dende hai máis dun decenio, Dolores Lema, nacida en Xaviña, é a directora da cita, coa que empezou a colaborar cando aínda levaba en marcha moi poucos anos. Na mañá do onte falou con Radio Voz Bergantiños sobre as impresións desta última edición do encontro.

-¿Como foi a 26.ª Mostra?

-A verdade é que foi moi interesante, sobre todo pola diversidade de aplicacións do encaixe que houbo á vista de todo o público e que se podían encontrar nos distintos estands, así como polas novas artesanías que chegaron nesta edición. En xeral estamos moi contentos de como transcorreu, a pesar, e para non variar, do mal tempo e, sobre todo, de que sempre se anuncia peor do que é [ri]. O sábado e o domingo tivemos mal tempo, pero aínda así non foi tanto como se pensaba.

-Manexan unha cifra duns 20.000 visitantes a esta edición.

-Si. Aínda teño que pechar todo exactamente, porque hai invitacións e demais. Pero esa é a cantidade aproximada durante toda esta Semana Santa en Camariñas.

-¿Como foron recibidos eses deseñadores que se estreaban?

-Habería que preguntarllo a eles [ri]. Agora mesmo [por onte pola mañá], en Camariñas aínda nos queda, de firmas, Juanjo Taola. Os deseñadores noveis xa marcharon, pero penso que están moi contentos. Sempre gaban a organización e tamén ao resto dos niveis, de Camariñas, do pobo, de todos.

-¿Gustaron as súas propostas? ¿Comentoulle algo o público?

-Iso sempre se sabe a partir de hoxe [por onte]. Comézase a saber pola rúa, ou na oficina, empeza a comentar a xente: «A colección de tal tiña moi ben aplicado o encaixe» ou «Eu non sabía que esa cor de encaixe se podía chegar a facer a partir do encaixe branco que facemos nós as palilleiras»... De aquí a quince días son moitas as cousas que nos van contar. Tamén as palilleiras estaban todas colaborando coa Mostra, palillando nas xuntanzas, facendo o seu desfile, que este ano foi novidade... Outras nos estands...

-Primeiros días de descanso, agora.

-Sempre recollemos despois da nove da noite do último día, pero ao día seguinte [como foi onte] veño para comprobar que todo estea perfecto. Todos os que participaron teñen o descanso merecido.

-No desfile de grandes firmas, dúas camariñás, Katy Mouzo e María Campaña. ¿Foi emocionante velas?

-Moito. Ver o labor de dúas veciñas túas tan ben levado á pasarela foi algo precioso, a verdade.

-¿Como foron iniciativas que eran novidade este ano, como o campamento ou o encontro de corais?

-Tiveron moi boa acollida. Dende o campamento náutico comentáronme o agradecemento a todos os colaboradores e as corais estiveron preciosas. Foi unha forma de involucrar aos integrantes, a todas esas mulleres, vidas ata dende Ourense a coñecer Camariñas e a Mostra.

-¿A boa acollida fai xa logo pensar nunha posible segunda edición?

-¡Claro, claro que si! Pénsase en facer o segundo encontro de corais.

-Pese a todo, o mal tempo frustrou algunha actividade importante.

-Si, frustrou o musical Keltia: houbo que pospoñelo para o verán. Fixeron varias actuacións todos os días durante os desfiles e polo que viron alí, xa o pobo de Camariñas, cando chegue o verán, saberá quen é Keltia e estará entusiasmado en asistir á actuación. Foi unha maneira de poñerlle ganas á xente. Andrea e Bruxo espertaron simpatía entre os visitantes e un gran cariño entre todos os camariñáns, porque todos nós, sexamos da parroquia que sexamos, levamos a canción de Camariñas no sangue, e cada vez que a escoitamos emociónanos.

-Foron días de moito traballo. ¿Contentos agora co resultado?

-Si, contentos. Moito traballo, pero non só meu: somos un equipo. Nunca me gusta que digan só «Dolores», porque Dolores si, pero Dolores ten moita xente detrás axudándolle, desde a ensobrar as latas que nos cede Cerdeimar ata calquera outro labor. É de ben nacidos ser agradecidos e eu quero agradecer sempre a todos, dende a primeira persoa que pon unha cadeira ata a última que se ve máis nos medios, a autoridade maior ou os deseñadores. É un conxunto.

-¿Un equipo ao que, aínda que agora lle toque descansar, xa en nada pensará na próxima edición?

-En nada, en nada. Primeiro temos que clasificar todo o que temos aquí, aínda nos queda moito traballo por diante logo da recollida... Pero en medio mes ou así xa hai que estar planeando a promoción do encaixe da seguinte Mostra. Así, en conxunto, en equipo.