Fomos ficando sós, o Mar, o barco e máis nós

Modesto Fraga A LUZ DO FIN DO MUNDO

CAMARIÑAS

03 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado sábado unha inmensa marea humana asolagou as rúas da capital de Galicia coas únicas armas coas que día a día adoita gañarse a vida: dúas botas de mar e unha roupa de augas. Por vez primeira o sector do mar, tan pouco afeito a unións e mobilizacións, soubo estar á altura das circunstancias e berrou alto e claro na defensa da súa supervivencia: «Medre o mar!», que tan ben poetizou con versos de salitre o poeta de Cangas, Bernardino Graña. E alá foron, convocados pola Federación Galega de Confrarías, os nosos mariñeiros; sen barcos, pero coa tripulación enteira, sen oportunistas da política nin da especulación acuícola, pero con toda a dignidade que colle no peito dos que levan as unllas partidas de rañar horizontes. A ninguén lle escapa que a pesca e o marisqueo son dous dos sectores produtivos de maior relevancia económica no noso país e, polo tanto, non se trata de aniquilalos con políticas depredadoras deseñadas desde as altas estancias da Unión Europea senón de impulsalos poñendo en marcha novas medidas lexislativas que protexan e revitalicen o sector contribuíndo a dignificar unha profesión da que viven en Galicia, directa ou indirectamente, máis de 32.000 persoas, o 2% do noso PIB. Nesta ocasión, os lobos de mar da Costa da Morte tampouco quixeron ser menos que os doutros lugares do país, non en van nesta bisbarra tan marxinada polos poderes públicos continúan en pé, contra vento e marea, algúns dos portos de baixura máis importantes de Galicia coma os de Malpica, Camariñas ou Fisterra, por citar uns exemplos abondo representativos. Con todo, os elevados índices de desguaces levados a cabo nos últimos anos na xa de por si agonizante frota de baixura, o inxusto sistema de cotas fixado por Europa, que obriga a tirar ao mar o peixe capturado con tanto esforzo, ou o nulo apoio ao sector da pesca artesanal son só as caras amargas dunha mesma moeda. Chegou a hora de unirse, de loitar e rebelarse por defender un sector estratéxico fundamental da nosa economía doméstica. A retirada, a última hora, do borrador da Lei de Acuicultura que o goberno da Xunta pretendía levar a exposición pública en contra do sentir unánime de todo o sector supón un éxito sen precedentes que cómpre valorar na súa xusta medida. Os nosos mariñeiros e mariscadores teñen todo o dereito do mundo a vivir e traballar dignamente na terra que os viu nacer. De aí que se faga necesario vindicar menos inversións en piscifactorías e portos deportivos e máis apoio á nosa pesca artesanal, fonte de riqueza material e de equilibrio sostible. Un dos grandes poetas da literatura galega, Manuel Antonio, escribiu: «Fomos ficando sós, o Mar, o barco e máis nós». Oxalá eses versos só sexan un recurso literario vangardista e o mar, o noso mar, unha inesgotable palaxa de peixes e futuro.