«Camelle»

Alfredo López (Cemma). TRIBUNA ABERTA

CAMARIÑAS

02 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando chegou á costa o seu corpo sentía dor, só dor. Unha tremenda dor, escozor nas feridas abertas e unha dor na vista que non lle deixaba case abrir o ollo esquerdo. A maiores, unha persistente tose e mocos e una forte dor de barriga. Todo ese malestar impedía que o lobo mariño «Camelle» puidera vivir cabalgando as titánicas ondas que baten na Costa da Morte. E decidiu parar a súa viaxe e baixar á terra, para durmir, para descansar, para tratar de recuperar folgos e seguir coa súa viaxe. Mais alguén deu a alerta da súa presenza. Unha alerta compasiva daquel que ve no outro a necesidade. Cara alí dirixiuse a Unidade Móbil da CEMMA. Uns especialistas que tratan de interrogar a aqueles seres misteriosos que de cando en vez chegan ás nosas costas doutras terras, doutros mares. O arcebispo Jiménez del Hoyo, hai case 300 anos, dicía daqueles peixes chamados humanos que andaban ao plano: «Que lles dean pan, non vaia ser que sexan cristiáns». E nós, non por cristiáns mais si por compasivos, temos a ben preguntarlles cales son os seus males e tratamos de minimizalos e solucionalos, para que poidan seguir o seu camiño. A nosa responsabilidade como humanidade é reducir e eliminar as consecuencias dos nosos actos. «Camelle» deu cun aparello de pesca que lle causou mal: é por iso que non podemos evadirnos desa responsabilidade, como tampouco o poden facer as Administracións. Deste xeito, o lobo mariño foi trasladado á Unidade de Coidados Intensivos de Nigrán. Unha unidade específica para a primeira fase da recuperación de lobos mariños. Alí comeza a cadea de acción dirixidas polo equipo veterinario coordinado co equipo técnico e humano que atende aos pacientes. Atender a un lobo mariño non é pouco complexo, pois el nun principio non o sabe, non é consciente, e responda de xeito agresivo instintivamente, como non pode ser doutro xeito nun animal salvaxe e indómito. O papel da unidade de recuperación, ademais de curar as feridas, é manter a reacción salvaxe do lobo mariño, obxectivo nada doado cun animal que ten a boca chea de dentes. «Camelle», pouco a pouco, vai superando as fases da rehabilitación, pechando as feridas, alimentándose por si só, adaptándose ás novas circunstancias, collendo forza? Aínda quedan moitas fases ata que poida ver no horizonte o Grand Solé, mais todo chegará, tempo ao tempo.