O Vilán: luz de Camariñas no mundo

Juan Félix Neira

CAMARIÑAS

«Non lle falta razón ao autor da noticia: innegable é a fermosura do lugar e non mero tópico»

02 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa a finais do século XIX eran lexión os galegos espallados polas Américas, moitos nativos da despois chamada Costa da Morte. Á terra prometida chegaban tamén, na prensa da época, as tráxicas noticias dos naufraxios, e só ocasionalmente algunha digna de celebrar, como a titulada El faro de Cabo Villano. Dicía así: «En el peligroso trozo de costa gallega que corre de la Coruña á Marín hay tres cabos famosos y temidos de los navegantes: Villano, Toriñana y Finisterre. Sobre el primero de ellos se levanta desde hace pocos días el primer faro de luz eléctrica que alumbra las costas españolas, y que allí ha de ser de sumo provecho á los navegantes. El mar aquel es tempestuoso, y la costa peñascosa y alta. Sobre una de tantas peñas como por allí se levantan á pico sobre el mar está construída la nueva torre, al pie de la cual se halla la casa del torrero, solitario habitante de aquel hermoso rincón del mundo».

É un breve apunte xornalístico, publicado o 30 de xaneiro de 1896 en La Ilustración Española y Americana, revista madrileña difundida non só en España, senón tamén, como reza na cabeceira, en «Sudamérica: Cuba y Puerto Rico, Méjico y Río de la Plata»; incluso en Filipinas. Maior interese presenta a ilustración que acompaña ao texto, xa que estamos ante unha das primeiras imaxes que do recén inaugurado faro deberon de saír ao prelo, e quen sabe se a primeira das que puideron contemplar moitos emigrantes na prensa fóra de España, dada a divulgación da revista. Ademais, na imaxe obsérvanse os dous faros, tamén o antigo de 1854, aínda coa súa vivenda, hoxe inexistente. No pé de foto lese: «Coruña. Nuevo faro del Cabo Villano, primero que alumbra en España con luz eléctrica, inaugurado el 16 del actual». E infórmase de cal é a fonte do debuxo: unha fotografía remitida por don Vicente Bermúdez, o contratista das obras do novo faro. A instantánea tirouse desde unha perspectiva moi baixa, case ao nivel do mar, creando un contrapicado que enfatiza a maxestade dos cantís do Vilán, do «hórrido Villano» cantado por Pondal xa na súa poesía de mocidade en castelán, e despois tamén, por suposto, en galego.

Fillos do Vilán

Non lle falta razón ao autor da noticia: innegable é a fermosura do lugar e non mero tópico propagandístico. Mais non fai xornalismo auténtico cando nos fala dun torreiro solitario; o certo é que eran varios os torreiros que mantiñan operativo o faro. E non faltaron nacementos en tan peculiar lugar. Imos emendarlle a plana dunha maneira documentada, cos libros bautismais de San Xurxo de Camariñas na man. Entre 1897 e 1908, é dicir, na década seguinte á inauguración, o cura párroco realiza o asento de oito nacementos no que seguramente era o domicilio máis peculiar de Camariñas: el «Faro de Villano» ou «Faro de Cabo Villano».

Sabemos que en dez anos pasaron polo faro alomenos dez familias que incrementaron o seu número de membros vendo como unha nova vida vía a luz ao abeiro da luz do Vilán. Igualmente digna de sinalar é a orixe delas: a maioría, de fóra de Galicia, feito comprensible se temos en conta que a nova infraestrutura era de carácter estatal e a provisión de prazas para o cargo de torreiro facíase en todo o territorio español. Así, despois dunha familia de pai de Formentera e nai de Ibiza, chegou outra con pai de Fuengirola e nai de Tarifa. Outro torreiro houbo de Ourense, cuxa esposa era «de la provincia de la Coruña»; e outro de Baleares, de Mahón concretamente. Non faltaron asturianos de Luarca. E ata residiu no faro unha familia da provincia de Toledo, antítese do mar. A este faro catalogado oficialmente como «de primer orden», con xustiza acaba de facérselle unha festa polo seu 120.º aniversario. Era xa entón e é hoxe un fito monumental pero tamén simbólico na historia das infraestruturas da comunicación marítima en España. Nun país ferido polo atraso crónico e seculares deficiencias, alzábase como un motivo de orgullo -o primeiro con luz eléctrica- e unha necesidade imperiosa -a seguridade marítima- para unha comarca deixada da man de Deus.