Ademastor

Vicente de Lema

CAMARIÑAS

01 feb 2016 . Actualizado a las 21:50 h.

Hai uns días conmemorouse o 120 aniversario da primeira luz do Faro Vilán de Camariñas. Un facho de vida no escenario das traxedias da Costa da Morte. O primeiro de España. Un acontecemento histórico, unha conquista gañada con mortes, milleiros de cadáveres espallados pola costa de Camariñas durante séculos. A luz salvadora nun lugar épico, e tal vez un dos máis fermosos de Europa. O catedrático Jesús Ángel Sánchez García denomina estes espazos como paisaxes culturais marítimas, concepto que xunta aspectos ambientais, históricos, etnográficos ou arqueolóxicos, entre outros, e que supoñen un punto de partida como recurso turístico. Temo que, Sánchez, lamentablemente, terá que predicar no deserto un tempo antes de que lle fagan caso. Non é por desanimar, pero cando xa leva tantas voltas dadas e o can non ve onde deitarse, algo falla. Mentres, un segue a darlle liberdade ao maxín neste espazo para as lendas. Manuel Iglesias, o empresario que ve luces onde outros ven escuridade, sitúa no Cabo Vilán unha con moito engado. Di o fabricante de parques infantís, ese mundo de ilusións para nenos, que na rocha extrema do Vilán de Fóra a natureza quixo reproducir a faciana de Ademastor, o xigantón fillo da Terra encargado de poñerlle lindes á forza de Neptuno e ás súas augas, que se namorou da ninfa Tetis. Cando a quixo coller entre os seus brazos, a amada converteuse en area, pedras e vexetación. Así foi castigado a quedar petrificado eternamente fronte as ondas do Atlántico que veñen collendo forza dende o Mar do Norte. E nada mellor para iluminar a Ademastor ca torre xigante de Vilán.