Dez anos do primeiro partido da selección galega de fútbol

Xosé Mª Lema / Xosé Mª Rei

CAMARIÑAS

Partido disputado o 28 de decembro do 2015 en San Lázaro. O camariñán Cabrejo é o terceiro pola dereita dos que están anicados. Na outra imaxe, Cabrejo, na súa etapa como xogador do Éibar.
Partido disputado o 28 de decembro do 2015 en San Lázaro. O camariñán Cabrejo é o terceiro pola dereita dos que están anicados. Na outra imaxe, Cabrejo, na súa etapa como xogador do Éibar. r. aguete / j. m. f.< / span>

Xogadores como o camariñán Cabrejo tiveron unha participación destacada

02 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 29 de decembro cumpríronse dez anos da celebración do primeiro partido da selección galega de fútbol. Foi o 29-12-2005 contra a selección de Uruguai no Estadio de San Lázaro de Santiago. Lembramos aquel ilusionante partido con moita alegría colectiva, en especial nos prolegómenos, cos xogadores levando a bandeira galega e con todo o público, a viva voz, entoando o Himno Galego, que si ten letra, unha letra que case todo o mundo coñece.

No noso libro 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) dedicámoslle un apartado especial a este histórico partido, pois nel a Terra de Soneira -e, por ende, a Costa da Morte- tivo un máis que aceptable protagonismo. En primeiro lugar, porque na aliñación inicial figuraba de lateral esquerdo Juan Cabrejo, natural de Camariñas, que fora xogador do Compostela e que daquela xogaba no Cartagena de 2ª División. En segundo termo, porque no segundo tempo entraría o dianteiro José Luis Deus Rodríguez, que, aínda que nacera en Lausanne (Suíza), era fillo dunha veciña de Tines (Vimianzo). A Deus -que daquela xogaba no Salamanca (antes fixérao no Deportivo)- caberíalle a gloria de marcar dous dos tres goles da nosa selección, que acabou vencendo por 3-2 ós uruguaios, demostrando que tiña un nivel máis aceptable para competir en partidos internacionais. Naquela selección figuraron, entre outros, Diego López, Dani Mallo e Roberto (porteiros), Xurxo Otero, Míchel Salgado, Cabanas, Pablo Álvarez, Julio Álvarez, Nano, Viqueira, Trashorras, etcétera. Quizais pola abundancia de porteiros galegos que daquela había -agora tamén, desde logo-, non fora convocado por Arsenio e Fernando Vázquez o meta coristanqués Rubén Martínez (hoxe titular do Levante de Valencia, da 1ª División). Era moi novo. Da súa evolución e tamén da de Cabrejo falamos no libro, pois nesta «enciclopedia do fútbol da Costa» saímos do ámbito estrito deste territorio e fixemos seguimento daqueles futbolistas costeiros que xogaron en categorías superiores.

Atendendo ó que xa era un clamor (polo alto nivel dos futbolistas galegos que temos na Liga actual), seica o presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, decidiu por fin volver convocar un partido da selección. Xa non era sen tempo, a ver se por fin o goberno galego cae da burra e pon fin a ese longo período de ocultación dos nosos futbolistas.

protagonismo soneirán e da costa