«Monte Branco era moi atractivo para situar alí ao protagonista»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

A Costa da Morte é o marco onde se desenvolve a película rodada hai 33 anos e que se estreará o domingo no Culturgal

04 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mestre xubilado e recoñecido autor de literatura infantil e xuvenil, o chairego Xabier P. Docampo (Rábade, 1946) é un vello coñecido da Costa da Morte. Tanto polas súas visitas aos centros educativos con títulos tan exitosos como Cando petan na porta pola noite, como por un proxecto cinematográfico, Na outra beira das augas grandes, que arrancou hai 33 anos e que tras unha longa espera, xa está listo para ser estreado. Será este domingo en Pontevedra -dentro das actividades da feira das industrias culturais Culturgal- e coa presenza de boa parte dos seus participantes orixinais.

-¿Como foi a orixe deste filme?

-É un proxecto que se rodou a finais de abril e primeiros de maio do ano 82. Naceu nun curso de cinema que se fixo na Universidade de Santiago e no que ao final rodábanse dúas prácticas, unha delas sobre un guión meu que está baseado nunha lenda duns indios americanos, os pés negros. Rodámola xente dos que estabamos facendo o curso, ademais de xente do teatro e do cinema galego daquel momento que eran amigos meus. Rodamos durante unha semana en Camariñas e Laxe, concretamente en Camelle, no Cereixo, Xaviña e por aí, pero o esencial rodouse no Monte Branco de Camariñas, o que está por riba da praia do Trece, na duna rampante.

-¿Por que decidiron facelo na Costa da Morte?

-Como se fai sempre no cine, para buscar as localizacións recórrense moitos lugares e un vai encontrando aqueles que lles parecen máis adecuados, máis atractivos... E, concretamente, o Monte Branco facíasenos moi atractivo para poñer nel o lugar a onde chegaba o protagonista, porque era un lugar fantástico. O que ocorreu é que ao final da rodaxe, cando só faltaban uns planos que non nos dera tempo a facer, quedou todo parado. Todo o material quedara nas miñas mans, pero eu non tiven medios económicos naquel momento para rematar (facer a montaxe final e dobralo) así que quedou aí. Ao cabo deses 33 anos decidín retomalo, volvín a ver ese material, que era un antigo, gravado en vídeo analóxico magnético e púxenme con el. ¿A que? A facer un novo guión porque en lugar de ser unha historia totalmente dramatizada pasou a ser unha historia contada. Pero había unha circunstancia especial que era que os actores principais, Miguel Pernas e Maruchi Olmo, aí estaban, enteiros e verdadeiros, só que con 33 anos máis, así que aproveitei esa circunstancia para o novo guión.

-¿Canta película nova rodaron?

-Se en total dura 26 minutos tiven que rodar 5 ou 6 minutos máis para ter algo que envolvese toda aquela historia inicial. As novas escenas son en interiores, pero si volvín a Monte Branco e Laxe para rodar uns planos que van inseridos.

-¿Como reaccionaron os actores cando lles propuxo retomar este proxecto tres decenios despois?

-Pois tanto Miguel Pernas como Maruchi Olmo mostráronse encantados e colaboraron de moi boa gana. Tamén se sumou unha actriz infantil que me permitiu introducir un novo instrumento, un novo elemento narrativo para contar a historia.

-Entre unha rodaxe e outra seguiu tendo moita relación coa comarca e ten visitado moitos colexios cos seus libros.

-Sen dúbida. E ademais, cando volvín agora a rodar esas escenas en Monte Branco e na praia de Traba, en Laxe, estiveron comigo tres amigos que viven na zona, que son mestres, e que foron os que me axudaron a atopar os mesmos escenarios exactos que da primeira vez.

-¿Cambiou moito a paisaxe?

-Pois, por exemplo, hai unhas rochas no Monte Branco que nestes 33 anos perderon case 3 metros de area. Quen vexa a película poderá ver en dous planos continuos -un de agora e outro de hai 33 anos que se distinguen polo formato e tamén pola cor- como onde antes era todo area agora é todo toxo. Puido ser pola presenza humana, porque van turistas e durante moito tempo os nenos tirábanse a pinchacarneiros, pero tamén puido ser polas condicións naturais, porque é unha duna que está viva, é unha duna rampante e está suxeita a cambios.