A lenda das caramiñas

Ana Carril

CAMARIÑAS

Ana Carril, aínda que agora reside en Madrid, volve sempre que pode á súa Camariñas natal.
Ana Carril, aínda que agora reside en Madrid, volve sempre que pode á súa Camariñas natal. eduardo pérez< / span>

Miña avoa, Carmen Dios, contoume a historia daquelas pequenas canicas

30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira lembranza que teño de Reira, ademais de ver as dúas rochas do Cabo Vilán que sempre foron para min un cabaleiro medieval montado no seu corcel, é o descubrimento na praia de Area de Trece dunhas diminutas boliñas brancas que nacían nun arbusto ignoto para os meus ollos infantís. Miña avoa, Carmen Dios, máis coñecida en Xaviña como «a filla do panadeiro», contoume a lenda daquelas pequenas canicas chamadas caramiñas. E aquí vola deixo.

Era o tempo dos nosos ancestros máis remotos, o tempo das artes adiviñatorias no que a terra estaba baixo os influxos de criaturas fantásticas. Nese tempo, a deusa celta do mar, Profundis, tiña por costume pasar a época estival nos fondos mariños da Costa da Morte, dicía que o resplandor daquelas augas era incomparable. E todos os días, á tardiña, sentaba a carón do cemiterio dos ingleses, nunha pedra especialmente seleccionada por ela e contemplaba os derradeiros raios de luz adentrándose na liña do horizonte.

Areo, o deus da natureza galela, xa lle tiña botado o ollo séculos atrás, pero nunca se decidira a dar o primeiro paso. Xa sabedes, os deuses contan os instantes por eternidades así que a présa non entra dentro das súas preocupacións. Foi un xullo especialmente chuvioso cando todo cambiou. Profundis levaba uns días con tristura porque a luz que entraba no mar non lle chegaba para encher as súas pupilas, que comezaban a amosar unha cor macilenta. As mareas eran máis violentas do que ela podía aturar e os peixes andaban esquivos.

Xa estaba decidida a marchar cara mares máis amables cando escoitou unha voz que a chamaba desde a costa. Non era outro que Areo, quen, nun intento desesperado por evitar a partida do seu amor segredo, decidiu confesar os seus sentimentos.

Areo era fermoso, tiña un corpo atlético, unha pel aceitunada que brillaba case tanto coma o sol, e uns ollos verdes magnéticos. Cando Profundis o viu, quedou absolutamente prendada, quería ficar, pero non podería sobrevivir sen luz. Entón, Areo, regaloulle un colar feito de perlas da natureza. Eran unhas perlas diferentes ás mariñas. Eran o froito dunha planta máxica que el mesmo creara para conseguir que a súa amada quedara con el. Eran as caramiñas.

Conta a lenda que no instante en que Profundis puxo aquel colar, este empezou a refulxir cunha luz nunca antes vista. Era tal o seu poder, que ela decidiu vivir na Costa da Morte por sempre e non deixar xamais a Areo. Pero a cambio, el debería cultivar as caramiñas todos os anos para evitar que a deusa dos seus soños morrese. E así o fixo. Desde entonces, ela habita as profundidades do Cabo Vilán e nunca deixa de levar unha trenza de caramiñas no seu pescozo.

Cando vaiades por Reira e vexades escintileos non pensedes que son os reflexos do sol. Son as caramiñas que leva Profundis botando raios de amor cara ó exterior.

DNI: Ana Carril del Valle naceu en Xaviña (Camariñas) no 1974. Vive en Madrid xa hai uns cantos anos aínda que, como recoñecía ela hai uns meses, volver á terra natal faille moi ben. De feito, este ano estivo nas festas do Carme e tamén volveu en agosto. Por máis que nacese en Camariñas, viviu dende ben nena na Coruña e, pese a iso, garda moitos recordos das voltas a Camariñas. Ana é coordinadora de artes escénicas da escola Bhakti de Víctor Ullate. Dá clases de interpretación.