«Onde tocamos nós hai xente, así que por algo será»

M. Rial / Á. Palmou

CAMARIÑAS

O grupo de Xaviña estará o día 20 no Festifolk Costa da Morte e o 26 celebrará a súa propia festa no Ariño

09 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As gaitas de asociación Abrindo Rejo, de Xaviña (Camariñas) e presidida por Belén Meirás Vigo, volverán a sonar este verán en numerosas celebracións por toda a comarca. Entre elas, o primeiro Festifolk Costa da Morte, que se celebrará o 20 de xuño en Carballo. Pandeiretas, bombo e tambor completan o arsenal instrumental desta agrupación que non deixa de incorporar novos músicos.

-¿De onde vén o nome da agrupación?

-Foi o nome que eliximos entre todos; había máis posibilidades pero ao final fomos a unha votación e a todos nos gustou Abrindo Rejo.

-¿E que significa?

-Cando se fundou esta agrupación cultural eramos todos xente nova, porque é unha agrupación cultural, xuvenil e deportiva que leva o mesmo nome que o grupo de gaitas e do que se trataba era de abrirse cancha. Ademais Xaviña é unha terra de labradores así que unimos unha cousa coa outra e de aí vén o nome.

-¿Son todos de Xaviña?

-Empezamos sendo só de Xaviña pero despois á xente gustáballe moito e ao final temos de moitos sitios: da Ponte, de Camariñas, de Leis, de Vimianzo...

-¿Canto tempo levan facendo música?

-Fundouse no ano 2002 polos vellos compoñentes de Airiños de Vilán; despois pasou a ser máis de xuventude pero agora temos xente de todas as idades e vainos funcionando moi ben. Mesmo hai pais e fillos que iso sempre facilita as cousas para os desprazamentos e para que os que veñen detrás vaian aprendendo dos maiores,

-O seu nome está presente nos carteis de moitas festas.

-Home! É que Abrindo Rejo é un puntazo, é un valor seguro nunha festa, onde estamos nós hai xente así que será por algo.

-Chaman á xente case tanto como o Combo Dominicano.

-[Ri]. Moito máis. Cando o Combo chegou xa nós onde íamos. O Combo vén atrás de nós.

-¿Cal é o segredo dese éxito?

-Animamos moito a bailar por iso nos chaman tamén para vodas, para comunións e somos moi fotoxénicos tamén porque temos dous traxes moi bonitos.

-¿Como ve a situación da música tradicional?

-No que nos toca a nós vemos que a cousa vai para arriba. Este ano tivemos sete incorporacións ao grupo principal e temos moita xente na canteira, esperando. De feito tivemos que ampliar o número de profesores porque non daban feito. A xente está animada e vese que lle gusta, porque polo rendible que isto non o fan. Pásano ben, van as foliadas e disfrutan.

-¿Teñen moitas datas marcadas xa no calendario?

-Xa no inverno traballamos moito e agora imos ter bastantes actuacións no verán: O Festifolk, o Carme de Camariña e o 25 de xuño teremos unha pequena foliada no Ariño, que é algo que un só se poder perder por enfermidade.