Ese apego pola terra na que nacín

ESTEVO LEMA

CABANA DE BERGANTIÑOS

Estevo Lema, fotografado esta semana
Estevo Lema, fotografado esta semana ANA GARCÍA

Algo que nunca esquecín: non cortarlle as ás a quen queira ir máis rápido ou máis lonxe

15 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu nacín cabo de pinar espeso, eu nacín na pequena Ponteceso. A sombra dos pinos impedía que a luz do sol entrase de cheo polas fiestras da casa do pequeno lugar de Ponteceso, no concello de Cabana, nome que Saturnino Cuíña nos lembraba en vez do de Outrabanda. De aí naceu ese apego pola terra onde vin ao mundo.

Fun o sétimo de doce irmáns e medrar no medio de rapaces e rapazas, entre os da casa e os veciños, axudoume a desenvolver unha grande capacidade para a relación cos demais, baseada no respecto e na colaboración.

Dos catro aos oito anos estiven vivindo con tía Natividad, que me impartiu preescolar na casa. Así, cando entrei na escola no 1963, aos seis anos cumpridos —pois antes non deixaban asistir—, sabía ler e tamén escribir. Ler no almanaque que se pegaba nas paredes e do que se arrancaba a folla cada día; escribía o meu nome e os números ata cen.

Recordo sempre o primeiro rifo da mestra. Mandou escribir os números ata dez e eu escribín ata vinte. Daquela aprendín algo que nunca esquecín como mestre: non cortarlle as ás a quen queira ir máis rápido ou máis lonxe.

Con dez anos entrei no internado do instituto Fernando Blanco de Cee. Pasei tres meses sen volver á casa: isto sería impensable para un neno de hoxe. Cando regresei e baixei do bus, alí estaban os compañeiros de xogos esperando por min. Aquela benvida repetiuse nas seguintes voltas do primeiro ano. Nunca volvín ter recibimentos tan bos.

En Cee vin como medraba a vila e lembro como o mar chegaba ao pequeno muro da igrexa. Corriamos polo bosque do centro e xogabamos no campo de Vallecas ao fútbol e ao baloncesto con canastras tan altas que nos primeiros tiros non me chegaba o balón. Nunha ocasión, vendo un partido de fútbol feminino no vello campo de Raíces, escoitei unha frase, que aínda me vén moito á memoria. Unha avoa dicíalle a súa neta: «Ensima, Alisia, ensima». Dicíallo para que se colocara ben encima do balón e non lle marchase alto. Para que logo digan que as mulleres non entenden de fútbol!

O bacharelato superior fíxeno na Universidade Laboral de A Coruña, na que recibín unha formación moi completa, tanto cultural e deportiva como académica. O método era moi diferente: as clases desenvolvíanse nos laboratorios e talleres. Aprendíase experimentando. Os alumnos cambiabamos de aula e cada profesor tiña a súa preparada para a materia. As amplas instalacións deportivas que alí había permitiume practicar e aprender moitos deportes diferentes.

Os dous anos que alí estiven déronme unha boa base deportiva que hoxe, 52 anos despois, aínda conservo. A convivencia con compañeiros de case toda España e sobre todo co compañeiro de cuarto de Zaragoza deixoume un pequeno acento castelá-mañico que obviamente acabou desaparecendo.

Ao final daqueles dous cursos sufrín unha inxustiza. Para continuar na Laboral era necesaria unha media de seis, á que eu non chegaba. Nunca fun un estudante academicamente dos bos, pero xunto con outros tres fora proposto para continuar alí.

ANA GARCÍA

Cando en setembro fun á secretaría o funcionario díxome que non estaba na lista, e como o tempo apremiaba para anotarse noutro centro pedín o traslado para Carballo. Logo, durante o curso e nun intercambio deportivo os compañeiros da Laboral preguntáronme por que non continuara con eles, pois aparecía nas listas de dúas clases. A un mozo, que como me dixo recentemente un antigo alumno, vai á herba seca os domingos, non hai moitas cousas que o paren e seguín mirando pa diante.

En Carballo decateime de canto me servira a formación da Laboral, sobre todo cando iamos aos laboratorios onde eu era o experto entre os compañeiros. Algo semellante pasoume tamén nos estudos de maxisterio, dos que non gardo grandes recordos, agás polos compañeiros.

Pois xa naquel momento considerabámolos moi memorísticos e pouco encauzados cara a profesión que iamos impartir. Mellor darlle un salto e pasar aos primeiros anos como mestre no colexio Leus de Carballo con moi poucos recursos para o mestre e menos para os alumnos. Comprei os libros para preparar e dar as clases e balóns para educación física, e, cando lles puxen unha proba aos alumnos xa impresa na «empanadeira», a eles pareceulles un avance extraordinario. En compensación, tiven sempre o apoio dos compañeiros e compañeiras que vivían as mesmas carencias, e o cariño dos alumnos e alumnas, que aínda hoxe me lembran cando me ven.

Aquí aproveito para facer un inciso e darlle a noraboa a un deles, Fran Pallas, campión do rali Dakar. Recibíronme mais a min cando volvía de Cee que a el no aeroporto regresando como campión do Dakar. Cousas da vida. Do resto da miña contareino noutra.

DNI

Estevo Lema. Manuel Estevo Lema Pérez naceu, como el aquí relata, en Outrabanda, na parte cabanesa do río Anllóns. Deportista, exguía do dolmen de Dombate (Borneiro), a docencia marcou a súa vida laboral. Foron moitos anos dedicados a ela, uns 35 no CPI de Zas. Xubilouse no 2017 logo dunha das traxectorias académicas máis lonxevas nos colexios da zona. Os compañeiros rendéronlle un merecido homenaxe, poñendo fin a unha etapa intensa e de moita aprendizaxe e na que deixou fonda pegada.