Paula Moscoso: «É importante que se dote de persoal o PAC de Ponteceso»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

Entrevistas aos candidatos da Costa da Morte | A cabanesa, número 11 do PSOE por A Coruña, reclama igualdade e melloras en materia de sanidade

06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carteira de profesión, a cabanesa Paula Moscoso (Corcoesto, 1978) ocupa o posto número 11 da candidatura do PSOE pola provincia da Coruña. Foi na lista de Juan Ramón Varela nas últimas eleccións municipais.

—Experiencia integrando unha candidatura local si que ten, pero non formando parte dunha lista autonómica, non?

—Estréome nunhas listas autonómicas, e, para ser a primeira vez, tocoume nun posto bastante alto. Estou moi contenta e é importante que vaiamos xente de varias comarcas para aportar diferentes puntos de vista sobre os problemas e necesidades de cada zona.

—Como está vivindo a campaña?

—Estouna vivindo con ilusión e encantada de que contasen comigo. Están sendo uns días movidiños, indo dun lado para outro, pero encantada de poder falar con tanta xente. As campañas electorais deberían durar máis.

—Esta vén a coincidir co entroido: unha oportunidade para vivila con máis humor?

—O máis importante é que a xente vaia votar. Na nosa zona o malo é que coincide xusto despois da Mikaela...

—Cales cre que son as principais necesidades que ten Cabana?

—Cabana, como a maioría dos concellos da Costa da Morte, necesita que se actúe nas peaxes da autopista. Tamén que se faga algo pola sanidade, sobre todo dotando de persoal médico o PAC de Ponteceso, que é o que nos corresponde ir aos do noso municipio. Se o médico que hai alí lle toca ir a unha urxencia domiciliaria, ao mellor podes botar horas ata que te atendan, aínda que o teu tamén sexa urxente.

—E de cara á Costa da Morte? En que cre que se debería traballar?

—Diría que, en xeral, o que busca o partido para toda Galicia: igualdade en tódolos ámbitos. En sanidade, pero tamén en educación, con libros gratuítos, cun servizo de calidade e con matrículas universitarias que garantan o acceso a todo o mundo en igualdade de condicións.

—Como ve o panorama de cara ao vindeiro 18 de febreiro?

—Creo que imos gañar as eleccións.

A quiniela de Paula

30 PSOE 25 PP 18 BNG 2 Resto