Arsenio Iglesias en Bergantiños

Celestino Pérez Recarey

CABANA DE BERGANTIÑOS

J.M.CASAL

Memorias daquel encontro entre o mítico adestrador do Dépor e os rapaces do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños

11 may 2023 . Actualizado a las 16:29 h.

No mes xuño de 2001 acompañei a Arsenio Iglesias a participar no programa Co galego chegaron moi alto, organizado polo CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños. O proxecto estaba dirixido ao alumnado da ESO e tiña como obxectivo eliminar os prexuízos lingüísticos e potenciar as actitudes favorables á lingua en todos os ámbitos sociais.

Durante a xuntanza o alumnado comezou a realizar as preguntas que previamente preparan. Arsenio contestaba con euforia e estendíase bastante nas respectivas respostas, acompañadas algunhas delas con curiosas anécdotas. Nas que máis se espallou foron as que lle preguntaron sobre Bebeto Mauro Silva, para el, os mellores xogadores que adestrou durante a súa etapa profesional. Mención aparte foi para Fran, o Neno como el dicía. Segundo comentaba, foi o mellor xogador de toda a historia do Dépor, despois de Amancio e de Luís Suárez.

Un alumno preguntoulle que lle gustaba máis cando era pequeno, se ir á escola ou xogar ao fútbol. El contestou con rotundidade: «Gustábame moito máis ir á escola, que duda cabe! Primeiro está a escola e despois, o fútbol». Resposta dun sabio. Outro preguntoulle se lle gustaba ser adestrador; el dixo que si, pero para ser adestrador «hai que estar un pouco tolo», respondeulle con contundencia.

Tamén comentou unha anécdota relacionada con Donato. Explicaba que despois dalgunhas sesións de adestramento, mandáballe que realizasen unha breve sesión de jacuzzi para distender os músculos. Todos os xogadores saíron pronto, agás Donato. Arsenio insistía que saíse xa porque a calor do jacuzzi dilata os vasos sanguíneos e diminúe a presión arterial. A resposta de Donato foi que o deixase estar un pouco máis para ver se se volvía «branco».

Cando rematou o acto, houbo moitísimos aplausos e os dous recibimos o agasallo de dúas maquetas do casco dun barco feito por carpinteiros da ribeira.

Na viaxe de volta faleille da posibilidade de facerme socio do Dépor. El preguntoume se me gustaba o fútbol e respondinlle que non moito. Entón, contestoume: «Pois non te fagas; non todo vai ser fútbol».