Un documental dirixido por un cabanés homenaxea a Miro Casabella e á zanfona
CABANA DE BERGANTIÑOS
A rodaxe, en distintos puntos de Galicia, tamén se levou a cabo na furna da Barda de Corme ou na ría de Cabana. O traballo estrearase este vindeiro domingo, no festival Zona Zanfona de Rianxo
06 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Domingo 10 de xullo • 19.30 horas • Nada menos que como a alma de Galicia. Así teñen considerado algúns intelectuais a zanfona, instrumento do que é referente Miro Casabella (1946). Este vindeiro 10 de xullo, dentro do Festival Zona Zanfona de Rianxo, toda unha referencia, estrearase o documental Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella, un traballo dirixido polo cabanés Federico Alejandro Rioboo Fondo, autor asemade do guion. «Cando eu voltaba de Oslo de vacacións —volveu a Galicia, definitivamente, hai case tres anos, logo dun decenio fóra—, vía que meu pai e miña nai tiñan un amigo ilustre, Miro. Eu escoitábaos falar de música coa ilusión de dous nenos intercambiando cromos», rememora Federico sobre as orixes mesmas deste documental que, di, nace coma homenaxe en vida ao propio Miro e a esa amizade con seu pai, Manuel Rioboo. Os dous, aínda de ámbitos moi diversos —Miro, docente universitario; Manuel, agricultor—, comparten esa mesma paixón pola música».
A longametraxe, de case unha hora, versa sobre a zanfona e «as marxes» deste instrumento dende a óptica dun home pioneiro, no sentido de que a volveu a tocar en palcos e nos discos nos que veu colaborando dende os 70. Velaí a sinopse: «A aula de zanfona de Escolas da Terra, de Cántigas da Terra, liderada por Miro Casabella, inicia unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño. Acompañado por dous alumnos aventaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na búsqueda do organistrum, devanceiro da zanfona e presenza de honor no Pórtico da Gloria». Un traballo, pois, que mestura amizade con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, e que a través de todo iso artella un mosaico sobre a importancia do instrumento. Asume a produción Cántigas da Terra, con Moncho Iglesias, o seu presidente, como produtor executivo. O documental foi posible ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021/2022 da Xunta.
Na comarca, dende a furna da Barda de Corme a Cabana
«Dende que retornei a Galicia empecei a investigar e a gravar a Miro», conta Federico Alejandro. Logo de meses de traballo, con rodaxe na Coruña, na Terra Chá, en Lugo, en Santiago, na furna da Barda de Corme ou no entorno da ría de Cabana, chega esta estrea en Rianxo, nun festival onde o cabanés xa gravara ao artista hai dous anos.
«Un dos momentos máis fermosos foi gravar no Pórtico da Gloria, onde está o organistrum, antecesor da zanfona. As figuras do Pórtico parecen dicir que a espiritualidade de estar nalgunha parte está nas artes. Nese momento houbo un renacemento e apertura, está todo nesas imaxes (...) A zanfona era un instrumento de festa, a banda sonora do Camiño e chegou de Europa adiante para quedarse. Foi o instrumento preferido dos reis, e despois axudou a subsistir aos cegos nas feiras. O meu traballo é sinalar toda a maxia que hai ao meu arredor. Este traballo é un documento histórico, mostra moitos feitos biográficos de Miro, ademais da súa música. Gravamos na súa aldea, no Valadouro...», relata Rioboo Fondo.