Uxía: «Poucas veces temos a oportunidade de cantar nun dolmen»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

MIGUEL MUÑIZ

Esgotadas as prazas para ver á artista esta noite en Dombate, Cabana, mesmo facendo dous pases. Así fala do que ofrecerá 

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Non quedan prazas, e iso que ata se fixeron dous pases para responder á demanda: 22.30 e 23.20 horas. O concerto de Uxía no Centro Arqueolóxico de dolmen de Dombate, parte da programación cultural do Concello de Cabana para este verán, levantou expectación. Ela mesma, a quen teñen definido como a grande dama da música galega, di estar emocionada: «Será un encontro nun lugar máxico, para min vai ser moi especial. Poucas veces temos a oportunidade de cantar nun dolmen», afirma. Confesaba onte estar desexando que chegase o día, unha noite na que interpretará «un repertorio pensado para ese momento e para ese lugar». «Teño moitas ganas de volver a esa terra que tanta tradición ten para a nosa música, e que está alimentando o repertorio de boa parte dos grupos e solistas galegos. Só teño agradecemento para ela», afirma.

Hoxe, con Sérgio Tannus

Avanzaba nas últimas horas que traerá a Dombate un percorrido polos varios decenios de traxectoria que atesoura, incidindo un pouquiño máis na última etapa. Virán, pois, poemas de Uxío Novoneyra e tamén «algunha cousa inédita». En Dombate, Uxía non estará soa. Chegará acompañada do instrumentista Sérgio Tannus, co que leva traballando xa na volta de quince anos: «É un virtuoso, resulta unha marabilla cantar ao seu lado». Un e outro serán capaces de mesturar alalás con ritmos do Brasil, dándolle «un aire diferente á nosa música de raíz». Non faltarán tampouco no concerto de Dombate «temas populares» que a xente coñecerá e nos que Uxía sempre soe pedir, di, a participación do público: «Tamén agora se pode cantar, aínda que sexa con máscara. En definitiva, sempre procuramos que sexa algo moi familiar e, neste caso, ten máis sentido aínda», di aludindo ao aforo limitado.

Na música de Uxía sempre hai raíz
Na música de Uxía sempre hai raíz MIGUEL MUÑIZ

A artista considera que é preciso «poñer en valor todo o noso patrimonio», así que «a idea de impulsar concertos nestes lugares é un xeito de facelo»: «Paréceme unha idea brillante e, en tempos de pandemia, máis brillante aínda», reafirma. É tempo de apostar, cre, pola responsabilidade de pequenas reunións, aínda que incide en que, neste tempo que levan ofrecendo concertos, en teatros ou auditorios, quedou máis ca demostrado que «a cultura é segura»: «Está ben que preservemos ese ben esencial que é a cultura, a música que alimenta os corazóns. Paréceme tan importante como protexernos do coronavirus, alimentar a alma, porque se non morreremos de inanición». «É o momento de apostar pola programación propia, non só por cancelar. Hai que buscar outros xeitos de facelo, hai que botarlle imaxinación», afirma. Agarda que os que tiveron a fortuna de conseguir entrada para acudir esta noite a Dombate leven para a súa casa «unha lembranza única dun momento tamén único», empezando por ela mesma.

No dolmen poderase escoitar Madrigal á cibdá de Santiago, un dos temas do disco que sairá logo do verán e que xunta o talento de Uxía co do gaditano Javier Ruibal: «Este disco [agora en fase de mestura] une os versos de Lorca e de Rosalía. Vaise chamar De tu casa a la mía». Madrigal á cibdá de Santiago [máis coñecido como Chove en Santiago] é un dos poemas de Lorca en galego, «unha delicia», musicado para este traballo por Ruibal: «Estamos felices por ese encontro norte-sur que tanto pode dar de si, por xuntar a dous poetas universais». Uxía, ademais, anda tamén a preparar outro disco persoal, con alalás e temas ligados ao Camiño de Santiago.