O magnánimo párroco de Canduas, en Cabana

Luís Giadás XENTES NA MEMORIA

CABANA DE BERGANTIÑOS

O docente e divulgador Luís Giadás
O docente e divulgador Luís Giadás JOSE MANUEL CASAL

XENTES NA MEMORIA | Escribe Luís Giadás. Testemuñas e lembranzas doutros tempos

10 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cos ollos pechados por un adorido pensamento, o Cristo coroado de espiñas pousa a man na súa marmórea fazula. Baixo del, a inscrición: D. Manuel Costa Verdía. Párroco de Cánduas durante 45 años. Falleció el 5 de enero de 1961 a los 77 años. D.E.P: Recuerdo de sus feligreses. A furna (nicho) está nun muro lateral do cemiterio de san Martiño de Canduas…, pero a memoria deste xeneroso crego aínda ocupa un amplo curruncho no corazón de moitos veciños.

Hai once anos, Matilde Senande Martínez, da Casa de Ventín, no Campo de Penido, evocábanos as accións do cura Verdía, dende a súa casa no Campo do Outeiro: «Miña avoa morreu con 93 anos, sobre 1957 ou 1958 e coñecera trece cambios de moeda. Acordábase de bendicir don Manuel a Fonte de San Ignacio, na Arnela». Josefa de Collazo, da Casa Collazo (cunha placa fundacional: La edificó J. C. C en el año 1887, José Collazo Campos), engadiunos hai uns días: «A fonte é moi traballada, coa súa cruz e os seus pináculos (piramidóns) e, por iso, a nosa familia e moitos veciños, facíanse fotos nela, ás veces cando tornaban da emigración no verán».

Coincidía aproximadamente esta advocación ao fundador da Compañía de Xesús (estraña na parroquia canduesa) coa consagración do Monumento ao Sagrado Corazón en Getafe, auspiciado polos xesuítas. «Fora bendicida polo cura Verdía como de san Ignacio, aínda que agora, como está acaroada á Casa de Pedro, chámanlle Fonte de Pedro». O manancial que xorde desta fonte percorre o pobo de Canduas, coma un cantaruxeiro cordón umbilical, ata debaixo do cruceiro da Casa dos Romero. Prosegue Josefa: «Este cruceiro do pazo veciño estaba antes no lateral da nosa Casa Collazo, despois diante dela, onde estaba o Río da Vila (o río de lavar) e fará uns trinta ou corenta anos foi colocado aquí. Precisamente onde agora están o cruceiro e maila marquesina, non moi lonxe da rúa Falperra, o cura Verdía tiña a ilusión de erguer unha escola para os nenos do lugar. Chegou a levantar os muros namais, pero anchearon esta praza do cruceiro e nada se fixo».

Tornemos ao testemuño de Matilde: «A Cruz Grande, que hoxe está na estrada preto de Ludeiro (enseada de Lodeiro) disque antes estaba na Peneirosa (monte da Capela, onde está a Pena Santa ou Cama da Virxe) e que a baixara Berdía e puxéralle un circundado con catro postes para resgardala: Son os doce apóstolos, explicara don Manuel. Chamáronlle o Cruceiro de As Grelas. Daquela (ditadura de Primo de Rivera), había moitos pobres e vagabundos e, para darlles choio, desfixo Berdía o Cabazo dos Dezmos (de 21 pés… hoxe sería unha xoia etnográfica) e con el construíu a fachada da igrexa se san Martiño. Foi o propio don Manuel o que me ensinou a ler. Na escola que estaba por riba do Campo do Outeiro (aínda está o edificio) misábase, con pía e altar, sobre 1918, cando estaban a refacer a igrexa parroquial, antes de que eu nacera. A escola mixta (95 nenos, de 10 a 14 anos) era onde estaba a igrexa (A Calle da Torre é onde estaba antes o ultramariños fronte á igrexa): A mestra era ditadora, pegaba arreo. Por exemplo, se dicías «Frexufre», zoupábache e correxíache: «Es Frejufre».

Don Manuel chamáballe secretamente a atención á mestra: El falaba galego porque era natural do Esqueiro, en san Estevo de Cesullas. Ela deixou a un rapás xordo, sangráronlle os oídos. Os afogados na Aghieira (banco de area e praia) eran traballadores do noso estaleiro, carpinteiros: José Fuentes, José do Campo, e Ricardo Amado, Ricardo de Cas Dionisio ou Donicio. Ricardo tería quince anos e José poucos máis. Meu pai, Benito Senande Novo, saltou ao escoitar os berros. A cruz dos afogados chantada na Punta de Tabuído púxoa meu irmán Eduardo, como un cariño ao traballaren os dous no noso estaleiro… José do Campo era o rapás que deixara xordo a mestra…».