A luz do saber

josé muíño domínguez

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

PLUMAS CON MANDO | Escribe o alcalde de Cabana, José Muíño | Vale a pena seguir pelexar para seguir gozando destas Aulas Científicas na Catedral do Megalitismo, aprendendo do talento duns poucos para a inmensa maioría

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia trouxo unha longa estadía de pesar ás nosas vidas. Pero máis pronto que tarde, será esquecida coma a dor allea, coma os desenganos do pasado, para volver a inmensa maioría a unha normal normalidade. Mais sempre que acontecen na historia estas ensinanzas non regradas, múdase a táboa de valores da sociedade e as súas prioridades para afrontar a realidade. Acaso, non parece nestes intres que debemos aproveitar o presente certo fronte a un futuro incerto? Non semella mellor estar ao carón dos nosos, abrazalos e querelos, que vivir nunha aloucada carreira de esforzos para non chegar a ningures?

Preguntas e máis preguntas que nos fan pensar, meditar e que aluman momentos que perduran na nosa memoria colectiva. E aquí ten lugar o nacemento do «talento». E aquí ten lugar o nacemento das Aulas Científicas de Dombate, nunha aldea e argallado por nenos de aldea, que traen a un lugar privilexiado o privilexio da sabedoría.

Sabemos que todos os que seguimos vivos dispoñemos dunha nova oportunidade no mesmo mundo de sempre. Por iso é importante escoitar aqueles que co seu esforzo teñen os mellores coñecementos no seu campo, sexan do mundo das universidades, do mundo profesional ou dos que fan da súa afección una virtude. E tamén é importante que ese coñecemento non se limite ao entorno das grandes vilas, senón facelo chegar a onde nace a identidade dos galegos, no medio rural.

A primeira cita nas xornadas do dolmen foi coas estrelas, esa autoestrada que conforma o firmamento que se sitúa sobre nós, alleo ás nosas desgrazas, á desgana do presente, nun dos ceos menos contaminados do noso país, e o pergamiño ao que botamos a man cando queremos lembrarnos dun ser querido, ou selar un amor que se supón, vai ser para a toda vida. Despois foi o solpor, nese balcón que somos a Costa da Morte ao Atlántico para gozar do baño reparador da luz que nos fai soñar espertos, que nos fai sentir estar no mellor sitio do mundo para vivir e para morrer. Así nace a xenialidade, da inspiración dos virtuosos, e así nace a idea de homologar a nosa terra como Destino Starlight para aqueles que non poden durmir vendo o noso ceo. Non é unha necesidade, é unha «oportunidade» que ven aqueles que se anticipan aos feitos e que saben que non todo o mundo naceu cos privilexios que temos na nosa terra.

E por todo isto, que non é pouco, vale a pena pelexar para seguir gozando destas Aulas Científicas na Catedral do Megalitismo, aprendendo do talento duns poucos para a inmensa maioría, nunha terra na que é difícil vivir e máis complicado sobrevivir. A partir de agora, cando miremos ao ceo, estou seguro que poderemos ver neste presente incerto, un futuro certo.