Certame autonómico en Cabana para promover o uso do galego na música

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

O parkour será unha das disciplinas que se tocarán no campamento previsto en Cabana
O parkour será unha das disciplinas que se tocarán no campamento previsto en Cabana MARCOS CREO

Son case 2.000 euros en premios os que haberá neste concurso, que vén a completar, xunto con campamento sobre cultura urbana, a programación en torno ao Mes das Letras 

30 abr 2021 . Actualizado a las 17:43 h.

O departamento de Cultura do Concello de Cabana presentou este venres novas propostas para dinamizar o Mes das Letras Galegas neste 2021. Así, á exposición, obradoiros e actuacións xa anunciadas sumaranse un campamento sobre cultura urbana e un concurso de cancións inéditas en galego con case 2.000 euros en premios. Canta&Arte é un certame dirixido a todos os residentes en Galicia, sen límite de idade: a peza será de temática libre e dun máximo de catro minutos. Avanzan, tamén, que haberá unha categoría individual e outra de grupo, con tres premios en metálico en cada unha delas. No caso individual, dende os 300 euros ata os 100. No grupal, dende os 600 do primeiro clasificado ata os 150 do terceiro. O prazo para participar quedará aberto este luns, 3 de maio, e rematará o 31. Poden enviarse as cancións en formato de audio ou vídeo a cultura.concello@gmail.com.

No tocante ao campamento Urban&Arte, será entre os días 15 e 18, pensado para rapaces de 12 a 16 anos. Coa Vella Escola Cultura Urbana poderán coñecer disciplinas como parkour, beatbox, breakdance ou slackline: de 17.00 a 20.00, na Praza do Pendón. Inscricións do 3 ao 13 no 981 754 020.