Cabana deseña un Mes das Letras coas disciplinas máis variadas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

O programa comezará en Dombate coa exposición «Cores da Terra», de Santi Garrido

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cabana ten preparado un amplo programa de actividades culturais en torno ao Día das Letras Galegas, 17 de maio, que este ano se lle dedica á figura e obra de Xela Arias. Ese conxunto de iniciativas aglutináronse co nome de O que se canta, o que se fala, o que sente no mes das Letras. Haberá propostas en diferentes localizacións.

«Cores da Terra», en Dombate

A partir do 3 de maio • Durante todo o mes de maio poderase visitar no centro arqueolóxico do dolmen Dombate a exposición fotográfica Cores da Terra, da autoría de Santi Garrido, xornalista en La Voz de Carballo. Esta cita, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, será a que abra o programa cultural.

Obradoiro de teatro

Sábado 8 de maio, ás 17.00 horas • Na Casa do Pendón, Silvia Losada impartirá un taller de teatro poético-xuvenil en torno á obra de Xela Arias. A través deste obradoiro, para mozos e mozas de entre 10 e 16 anos, poderán os participantes adentrarse na poesía da autora, mediante o xogo, a improvisación ou a preparación corporal e vogal, avanza o Concello.

BASILIO BELLO

Letras e música

Domingo 9 de maio, ás 12.00 horas • Actividade en Dombate. Trátase da presentación musical do libro Xeometrías máxicas de Galicia, coa participación de Bieito Romero e Irma Macías (Luar na Lubre). Será un acto ao aire libre. Tamén neste caso colabora a Deputación da Coruña.

Sesión de contos

Sábado 22 de maio, ás 18.00 horas • A Casa do Pendón volverá acoller unha xornada de creatividade, pois para este día está prevista unha sesión de contos a cargo de Pedro Brandariz: As mulleres das letras. Dende as 18.00 horas, percorrerá a literatura galega mediante as figuras de cinco mulleres ben coñecidas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias.

Estas catro propostas mencionadas celebraranse cumprindo a normativa vixente en materia sanitaria. Os aforos, por esta circunstancia, son limitados, así que é preciso inscribirse previamente a través do teléfono 981 754 020.

E a maiores...

Campamento e concurso • Ao mesmo tempo que deu a coñecer o Concello de Cabana este ciclo de actividades tamén avanzou que se completará o Mes das Letras Galegas coa organización dun campamento en torno á cultura urbana e, ademais, cun concurso de cancións inéditas en galego, certame no que haberá máis de 2.000 euros en premios, indican. En breve se coñecerán máis detalles destas dúas iniciativas.