O desaparecido hórreo de Canduas, o sexto máis longo de toda Galicia

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

J. F. NEIRA

PATRIMONIO PERDIDO | As súas doelas foron integradas na fachada da igrexa da localidade

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pese ao desleixo e maltrato que sofre acotío o patrimonio galego, non faltan loables accións da sociedade civil como desagravios ás desfeitas. Neste sentido cómpre entender a recente iniciativa para conseguir o recoñecemento dos hórreos como Patrimonio da Humanidade, hercúlea tarefa con non poucos inconvenientes que sen dúbida han xurdir. Días atrás, Santi Garrido informaba nestas páxinas dos case 21 metros de longo do hórreo ceense de Cantorna, un dos seis que superan esta cifra na Costa da Morte. Máis longo era aínda o da casa reitoral de san Martiño de Canduas, noutrora priorado de san Martiño Pinario de Santiago. Pero xa non existe. Como orfas pegadas da súa grandeza, quedan as pezas de cantería das súas paredes, as doelas, como elementos conformadores da fachada da igrexa de Canduas. No seu adro vense aínda algunhas outras pezas do extinto cabazo, poucas.

Dos pés e dos tornarratos nada puidemos averiguar: acabarían como entullo para as desafortunadas remodelacións do templo? Ou serían regalados ou vendidos a particulares? O caso foi que o párroco don Manuel Costa Berdía, na década de 1920, decidiu despezar o cabazo e construír coas súas canterías o meirande pastiche da arquitectura relixiosa da contorna, definido por Lema Suárez, o máis reputado historiador da arte da Costa da Morte, como «inédita e irrepetible», conforme a un estilo «kitsch». Sen dúbida o crego terá o ceo gañado, porque antepuxo a casa de Deus a calquera outra consideración. Mais a nós hoxe só nos queda lamentar o seu horrible horreicidio.

Lonxitude: 26,71 metros

Era unha marabilla o hórreo de Canduas, unha alfaia arquitectónica e etnográfica arruinada pola insensibilidade propia, pero non exclusiva, doutras épocas. Así o testemuña un documento excepcionalmente preciso do libro de inquilinato da parroquia, depositado no arquivo diocesano: a descrición detallada dos bens do igrexario en 1858, non só do hórreo, senón doutros elementos como os pombais, que por certo eran dous, dos cales só subsiste un. Do infortunado hórreo dise «que corre del levante al poniente construido sobre veinte y un pies por banda y con tres puertas de entrada, dos por el mediodía y la del poniente; para una del mediodía se suben cuatro pasos de cantería al frente de la puerta, que es formada de jambas, y la puerta de madera gira en dos palmelas y le asegura una cerradura con llave, su madera de castaño de barrotes. Está pintada al óleo». Tamén merece descrición a cuberta, o primeiro indicio perceptible de deterioro nos cabazos do país: «El techo de este se sostiene sobre trece trabes, un cumio corriendo por encima de ellas y una tirada de cambos por banda. Su madera de castaño y de buen estado. Se halla bien retejado». Pero o que dá a idea da grandeza do hórreo son as dimensións: «Todo el hórreo es de cantería de buena construcción y servicio, el cual tiene de longitud por la parte exterior noventa y seis pies y dos pulgadas, ancho seis pies y nueve pulgadas. Su altura hueca los mismos seis pies y nueve pulgadas». É dicir: unha lonxitude de 26,71 metros.

Mágoa do que xa non existe

E velaquí a gran sorpresa: tras o cotexo de datos e as medicións oportunas, podemos afirmar que o hórreo de Canduas sería hoxe, de estar en pé, un dos máis longos de Galicia, entre os dez primeiros. Os catro primeiros son os do Araño (Rianxo), Lira, Carnota e Poio; o quinto, o muxián de san Martiño de Ozón; e xusto despois, no sexto lugar e case empatado co vimiancés de Cereixo, habería que situar o de Canduas. O hórreo de Ozón data do século XVIII, mide 27,23 metros de longo e ten 44 pés (22 pares), fronte aos 42 pés (21 pares) do de Canduas. As medidas son tan similares que a conclusión parece evidente, máxime se temos en conta a común condición de priorados de san Martiño Pinario, e de feito comparten patrón parroquial: sospeitamos que os hórreos de Ozón e Canduas poderían terse construído na mesma época, quen sabe se polos mesmos canteiros e conforme a un similar deseño, xa que ao fin e ao cabo eran bens dependentes do mosteiro compostelán, poderosísima institución en Galicia.

José Manuel Casal

A comparanza das doelas pétreas de Ozón coas que hoxe forman a fachada de Canduas lévanos a pensar que o hórreo cabanés era case igual ao muxián, pois as pezas de ambos presentan similar talla e dimensións, arredor dos 15 centímetros de altura. Segundo Lema Suárez, o de Ozón responde a unha subvariante do val de Carnota, de onde puido proceder o seu mestre canteiro. Cremos que o de Canduas sería moi semellante. Observando a fermosura do que queda en pé, só podemos evocar con mágoa o que xa non existe. Cando desde a estrada a Muxía vexamos o de Ozón, estendido na verde alfombra do seu fondal e a carón do antigo cenobio e do seu templo medieval, pensemos no que Canduas puido ter e xa non ten.