A cabana de Cabana de Bergantiños

SOMOS AGRO | Unha familia de Anos constrúe un alpendre de monllos ao antigo xeito


carballo / la voz

O municipio de Cabana chámase así polo pequeno lugar de Cesullas en torno ao que foi medrando o concello (e as sucesivas casas consistoriais), pero tamén terá algo que ver a existencia de cabanas. Que, por suposto, non eran exclusivas deste lugar, senón habituais en boa parte de Galicia. Ata finais dos 70 ou principios dos 80, numerosas casas da zona seguían erguendo as súas, unha ou dúas por familia. De mecánica sinxela, pero había que saber. Pinos longos e estreitos rematados en pico e unidos nel, e todo cuberto de monllos de millo, xa ben secos despois da esfolla. Dentro quedaba un alpendre pequeno para moitas cousas: herba seca, ferramentas, mesmo animais como ovellas...

Xa hai moitos anos que non se ven cabanas, coa fermosa excepción da que hai en Carreira (Zas), que case fai as veces de museo e que leva cinco invernos en pé. Impulsada por O Santiaguiño, coa colaboración veciñal, con dous buratos para entrar e saír, a súa construción foi dirixida por un experto cabaneiro.

Agora hai outra, e non lonxe. Precisamente en Cabana, na parroquia de Anos, no lugar que se chama o Prado da Fonte, alí moi cerca de Guisande ou da Medoña, e non lonxe da igrexa. A moi poucos metros dun antigo muíño eléctrico que agora é local social, municipal, pero de servizo á parroquia. O prado no que está é de Mari Carmen Vázquez Fondo e o seu marido, Manolo Fernández, pero o traballo foi totalmente familiar. Os dous consogros axudaron na execución e na sabedoría das vellas mañas, pero foi cousa de todos. Empezando pola nai de Mari Carmen, que foi a que tivo a idea e a que se encargou de ir recollendo a palla do millo.

Esfollárono eles, pero tamén veu doutra leira. Todo pola vía tradicional. «Ela foi a que quixo facela, tiña moita ilusión. Pensou que sería bo lembrar o que tiñamos antes», indica Vázquez Fondo. En setembro xa estaba o seu home no monte buscando os varais, e rematada a esfolla, chegou o día. Os días, máis ben, porque foron dúas tardes e pico e nesas últimas fins de semana nas que todos cooperaron, tamén un veciño. E aí está. «Estas cousas gústanme moito. Agora, e antes, cando as faciamos. Eu teño moitos recordos desa época», indica Mari Carmen, moi coñecida na zona como condutora de camión e autobús que foi, e agora taxista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A cabana de Cabana de Bergantiños