Tempos mozos para o patrimonio cabanés

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Un grupo de rapaces voluntarios do propio municipio difundirán nesta recta final de agosto, a través de propostas culturais e lúdicas, algúns destacados espazos locais. A primeira xornada será hoxe mesmo, con visitas teatralizadas no castro A Cidá

15 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dinamizar e poñer en valor o patrimonio do municipio de Cabana de Bergantiños a través de propostas diversas, culturais e lúdicas en todo caso, é o obxectivo principal da iniciativa Xuventude co Patrimonio, impulsada por un grupo de rapazas e rapaces deste municipio. As actividades, divididas en tres xornadas, levaranse a cabo en diferentes espazos do concello: principalmente, o castro A Cidá da Borneiro, a Escola de Vela, a Casa do Pendón e o entorno do observatorio de aves José Luís Rabuñal Patiño, na praia da Urixeira, ao carón do esteiro do Anllóns. Foron Iria Costa, Tania Martínez, Yago Espasandín e máis Beatriz Romero os catro impulsores de Xuventude co Patrimonio, tendo para iso a colaboración de Xosé María Varela, Senescit, Alalá Turismo, Concello de Cabana e Deputación da Coruña. O programa de actividades deseñado vén a ser, ademais, o colofón á formación destes mozos como monitorado de actividades de ocio e tempo libre, a través do curso para ese fin impulsado polo Concello de Cabana e iniciado o pasado outono. Que mellor práctica, pois. Tamén son mozos, doutra banda, os que prestan servizos de voluntariado este verán no dolmen de Dombate: Álex Bellón Beizana, Noelia Santos Fariña, Cristina Álvarez Mourín e Tania Martínez Blanco. Nesta recta final de agosto, o patrimonio cabanés remocica (remocea, como din algúns maiores) e faino a través da animación e do empurre desta forza nova.

BASILIO BELLO

Tres sábados deste mes concentrarán as iniciativas, a primeira delas hoxe mesmo. O centro de operacións será o castro A Cidá, en Borneiro, onde terán lugar visitas guiadas teatralizadas a cargo do actor cabanés Yago Espasandín, que volverá poñerse na pel do castrexo Borneiro. Estes percorridos, para achegarse doutro xeito aos tempos de esplendor do poboado, serán gratuítas, con aforo limitado: cada media hora, toda a mañá e tarde.

Espasandín mudará de personaxe de cara ao sábado 22 de agosto, porque este día interpretará ao padre Frei Martín Sarmiento nunha visita teatralizada que partirá da Escola de Vela, antigo serradoiro da familia Tedín situado preto da Senda do Anllóns. Logo, pola tarde, na Casa do Pendón, pequenos e maiores poderán gozar de obradoiros de educación medioambiental de balde coordinados por Galipat Servizos Culturais.

En terceiro lugar, o último sábado de mes, día 30 de agosto, haberá posibilidade de aproximarse á observación de aves no esteiro do río Anllóns, ao pé do observatorio José Luís Rabuñal, ornitólogo que acumula decenios de estudo nesta zona. Será, máis concretamente, na praia da Urixeira. Ao mesmo tempo, os participantes poderán entregarse a un obradoiro de ilustración de paisaxe dirixido por Suso Cubeiro neste espazo que, cabe, lembrar, é de especial protección e riqueza ornitolóxica. Queda moito por vivir en agosto, e sen saír da riqueza propia.

ANA GARCIA

Moito verán aínda para vivir en Dombate

A maiores das propostas de Xuventude co Patrimonio, queda tamén aínda moito programa para vivir no dolmen Dombate.

  • Hoxe. Obradoiros de Prehistoria, en dúas sesións: 11.00 e 12.30 horas. Visitas teatralizadas cargo de Os Quinquilláns: 18.00 e 19.30: son dous pases.
  • Mañá. Mediodía musical con Irma Macías, voz de Luar na Lubre, e Xaquín Rama: ás 12.00, con aforo limitado. Obradoiros ás 11.00 e 12.30. 
  • Venres 21 de agosto. Última visita nocturna ao dolmen deste verán. Ás 23.00. Inscrición en dombate2020@gmail.com.
  • Sábado 22 de agosto. Obradoiros de Prehistoria ás 11.00 e 12.30. Visitas teatralizadas cos Quinquilláns: 18.00 e 19.30.
  • Domingo 23 de agosto. Paseo en bicicleta para todas as idades, polo chan de Borneiro. Saída ás 11.00. Inscrición previa en dombate2020@gmail.com.
  • Venres 28 de agosto. Música na catedral Dombate. Clásicos do mundo co dúo Caamaño-Ameixeiras. Inscrición previa en dombate2020@gmail.com.
  • Sábado 29 de agosto. Obradoiros de Prehistoria ás 11.00 e 12.30. Visitas teatralizadas cos Quinquilláns: 18.00 e 19.30.
  • Domingo 30 de agosto. Ás 12.00, música tradicional cos Farrapos (aforo limitado). Ás 11.00 e 12.30, novas sesións dos obradoiros de Prehistoria.
  • Sábado 5 de setembro. Pezas populares nun pasarrúas difícil de esquecer, con Pulpiño Viascón: A Musicleta. Ás 19.00.
  • Domingo 6 de setembro. Malabares, pallaso, equilibrios, xogos co público... Disciplinas varias do Novo Circo da man de Isla Letriska, con LeTriska Inmóbile. Ás 19.00 horas.
  • Domingo 13 de setembro. Espectáculo de maxia teatral con Dani García: Don Gelati. Das 19.00 horas en adiante, para o goce de toda a familia.
  • Sábado 19 de setembro. Bailes abondosos coas Armadanzas e as súas Armadanzas na punta do , ás 17.00 horas. Despois, ás 19.00, nova sesión de entretemento con Caxoto Contacontos: Carteiro en bicicleta.
  • Domingo 20 de setembro. Migallas Teatro, ás 19.00, coa súa Merenda con pan de millo.

BASILIO BELLO

As visitas a Dombate, ata o 30 de setembro

  • Por libre. Todos os días da semana, todo o verán, de 09.00 a 21.00 horas. De balde.
  • Guiadas. Tamén todos os días da semana, de luns a domingo, no seguinte horario: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Estes percorridos, da man de Ángel Eiroa ou de Iria Haz, sucederanse cada 30 minutos, sendo o primeiro deles ás dez da maña e, o último, ás 19.30 horas. Son, igualmente, gratuítos.