Os encantos da arte e da natureza

juan Félix Neira Pérez

CABANA DE BERGANTIÑOS

X.AMEIXEIRAS

Novo libro: O santuario do Briño

28 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños é un estudo en profundidade realizado a través de documentación parroquial inédita, pero tamén doutras achegas anteriores (Lema Suárez, Otero Cebral) e da información oral resultado de traballo de campo e de lendas, regueifas, cantigas e poemas transmitidos e compostos por xentes de Borneiro, como Aurora Ramos, Matilde Vilariño ou Perfecto Varela. Sen esquecer o célebre poema dedicado á romaría por Enrique Labarta Pose, nin as fontes visuais, os centos de fotos que o fotógrafo laxense Xosé Vidal tirou nos momentos de lecer neste campo do Briño.

Tamén entre todos os santuarios e romarías do concello de Cabana de Bergantiños, que son moitos, destaca especialmente o santuario do Briño, onde se conxugan de forma admirable os encantos da arte e da natureza. A arte da poderosa capela de pedra, con abundante escultura e dúas cúpulas fermosísimas no seu interior; e a natureza do campo de centenarias árbores, que dan ameazante acubillo a este templo, ao seu cruceiro e á súa fonte.

Houbo aquí en tempos pasados romaría de moita sona, á que concorrían xentes de toda a contorna, xentes do común, pero tamén as mellores familias de Bergantiños. Foron confrades da Virxe do Carme os fomentadores cataláns de Laxe, os Doménech, os Romero e os Ribera de Canduas; os Piñeiro de Corme, os Amarelle de Nemeño e Cesullas, e tamén os Pondal de Ponteceso. Descubrimos que o mesmísimo Eduardo Pondal, o Bardo de Bergantiños, foi confrade do Briño, e aquí se lle fixo, como tal, a misa polo seu falecemento en 1917 na Coruña.

Xunto ao dolmen de Dombate e á Cidá castrexa de Borneiro, o santuario do Briño constitúe a Santísima Trindade desta marabillosa parroquia de Borneiro, que sintetiza as esencias galegas: non só a prehistoria e a historia de Galicia, senón tamén o que Miguel de Unamuno chamaba a intrahistoria, a historia das xentes anónimas, dos pequenos feitos da vida cotiá, esa historia que actúa como pano de fondo da historia con maiúsculas. Tamén neste libro recollemos esa intrahistoria.

En fin, presentamos a primeira monografía (e agardemos que non sexa a última) sobre un santuario da comarca de Bergantiños, para divulgar o patrimonio material e inmaterial deste fermoso lugar, digno de ser coñecido, apreciado e divulgado por nós e polos que veñan despois de nós.