Cabana dálle vida ao patrimonio: así será o mes de agosto

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

AGOSTO NAS TERRAS DE DOMBATE | O municipio ten por diante un mes moi activo con propostas para todas as idades. A Tarde-Noite no Medievo de Riobó, as visitas ao megálito rei da comarca ou as propostas divulgativas nocturnas serán estrelas nun intenso programa

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha camiñada ata a Torre da Penela, cunha escenificación dos Condes de Riobó, representados por Tamara Lema e Yago Espasandín, dará por aberta a 11.ª edición da Tarde-Noite no Medievo de Riobó, en Cabana. Prevista para o vindeiro sábado, 10 de agosto, é unha das propostas máis agardades do mes recén comezado neste municipio, pero haberá moito más. Simboliza ese esforzo municipal por darlle vida ao patrimonio, neste caso en colaboración coa asociación San Martiño de Riobó e coa Deputación.

Botará a andar a actividade ás 18.00, quedando logo unha tarde de paseos a cabalo, xogos tradicionais co Melga, gastronomía (filloas, bolos preñados, queixo, pan, churrasco, chourizos...), artesanía e animación musical diversa: O Son do Castro, Os Farrapos, Inllar, Cé Pantasma, Son de Cabana, Os Melidaos e Fanfarria Taquikardia, estas últimas catro formacións a partir das 20.30. O Meigho Yago Espasandín, o pregón da xornalista e locutora de Radio Voz Verónica Couto (20.00) e, sobre todo, as Prevodas Medievais (20.15) oficiadas por Silvia Losada, serán outras das paradas deste encontro forxado na comunidade. Non faltará a Pitanza do Santo, un convite a pan e queixo como se facía antigamente na Romaría de San Brais do Folgoso.

A maxia da noite para achegarse ao monumento

Dombate pode visitarse libremente entre as 09.00 e as 21.00. Hai posibilidade, tamén, de tomar parte en percorridos guiados, entre as 11.00 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 20.00, de luns a domingo. Os venres de verán teñen doutra banda un aquel de maxia, xa que é posible coñecer o megálito pola noite, ás 23.00, previa inscrición: última oportunidade, 16 de agosto. Atención ao público/guía: 672 435 736. Centro Arqueolóxico: 618 575 481. Todo, gratuíto.

BASILIO BELLO

Visitas teatralizadas ao dolmen: Os Quinquilláns

Como era aquela época na que se levantou o dolmen de Dombate? Como vivían as xentes naquel entón? Que importancia ten este megálito? Dun xeito moi ameno e cunha representación teatral, «O tempo das pedras», Lucho Penabade de Tero Rodríguez, Os Quinquilláns, contarano os sábados de agosto. Estas visitas dramatizadas botaron a andar onte e son gratuítas: días 10, 17, 24 e 31, cun pase ás 18.00 horas e outro ás 19.30.

Estrelas, fotografía nocturna e Padre Sarmiento

Tres citas figuran para este mes, aglutinadas baixo o epígrafe de «Camiñar, Observar e Coñecer na noite». A primeira delas será este vindeiro venres, 9 de agosto: queda pouca xente que non coñeza xa a Ruta das Estrelas guiada por Jorge Mira, con saída ás 22.00 do dolmen de Dombate. Serán 7,5 quilómetros polos montes de Borneiro: non é precisa inscrición previa.

LAURA RODRIGUEZ

Para o venres 23 de agosto quedará un obradoiro de fotografía nocturna, tamén dende Dombate, ás 22.00, coa profesional Ana García. Finalmente, o 30 de agosto levarase a cabo o Roteiro do Padre Sarmiento ata o Monte Castelo, con saída ás dez da noite da igrexa de San Martiño de Canduas. Yago Espasandín encarnará ao erudito, e Tamara Lema, a unha veciña.

ANA GARCÍA

Fernando Fraga, Olga Kirk, Pablo Díaz e convidados

O dolmen de Dombate foi, na súa época, centro de vida, de actividade, de comunidade. A ese espírito apelan propostas como as encadradas no ciclo «Dombate, a maxia da música e a Prehistoria». O Centro Arqueolóxico do monumento servirá como ágora para iniciativas como a do domingo 11 de agosto, ás 12.00 horas, cando o ceense Fernando Fraga ofrecerá, xunto con algúns convidados máis, unha clase maxistral de acordeón. Unha semana máis tarde, o domingo 18 de agosto, serán Olga Kirk e Pablo Díaz os que tomen o relevo deste artista, asemade ás doce do mediodía. Recrearán pezas do cancioneiro tradicional de Cabana de Bergantiños.

Festas e romarías: mexillonada en Canduas

Cabana é un municipio ben rico en romarías: Santa Mariña do Remuíño, o Carmen do Briño ou, máis recentemente, a romaría de San Fins do Castro, identidade pura sustentada non só na música tradicional -aportada pola Banda Eduardo Pondal, Os Farrapos de Cesullas e O Son do Castro-, senón tamén no Berro Seco ou na queima do Santo da Pólvora. Non faltarán tampouco festas en agosto, unha das máis destacadas a Mexillonada de Canduas, prevista para o sábado 24, na Praza da localidade. Ademais da parte gastronómica, haberá outra de animación, a cargo de Isla Letriska, que intervirá sobre as 20.15 horas.

Intercambio xuvenil europeo: un continente enteiro

Entre o 25 e o 31 de agosto levarase a cabo en Cabana, con sede no albergue municipal, un intercambio xuvenil europeo no que tomará parte mocidade deste concello e de Treize Septiers (Francia), localidade coa que se ten forxado unha irmandade. O luns, día 26, visitarán en tren Dombate, o castro A Cidá de Borneiro ou o Rego dos Muíños, ademais de atreverse con actividades náuticas. Santiago ou A Coruña serán outras das paradas. Farase, ademais, un concurso de cociña; haberá actuacións musicais, xogos no campo de fútbol e dinámicas de grupo: trátase de descubrir cultural e estilos de vida diferentes. En definitiva, «ser europeo».

BASILIO BELLO

Carreira Dolmen de Dombate, sábado 21 de setembro

Tamén o deporte terá cabida no entorno de Dombate, coa sexta edición da Carreira Popular que leva o nome do megálito. A proposta chegará entrado o mes de setembro, o sábado 21, ás 17.00 horas. Iniciativa gratuíta, con probas en categorías inferiores, de 3 quilómetros e de 10. Os participantes serán agasallados con camisetas.