O Clan de Breogán, tamén no Castro Animado de Borneiro: sábado 27

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Anote día e hora para esta festa que xunta na citania cabanesa a veciños das diferentes parroquias, con numerosas actividades

25 jul 2019 . Actualizado a las 17:18 h.

O Castro A Cidá de Borneiro viaxa de novo ao pasado o vindeiro sábado 27 de xullo: a partir das 17.00 horas. O Castro Animado é unha cita festiva onde os veciños de diferentes parroquias do Concello de Cabana se xuntan para compartir a súa artesanía e gastronomía nas antigas vivendas castrexas. Este ano os cabanesas reciben de novo unha visita moi esperada, a dos membros do Clan de Breogán de Lugo.

Clan de Breogán é unha asociación de recreación histórica e cultural que ten como obxectivo a difusión da cultura e tradicións da antiga Gallaecia. Así, participan dende hai anos en numerosos eventos ligados á recuperación de rituais que recrean a época anterior á conquista romana, entre os que se atopa o Arde Lucus.

Os lucenses propoñen no Castro de Borneiro unha serie de actividades lúdicas e obradoiros que animen ás familias a participar do espírito festivo do Castro Animado. No obradoiro de cerámica intentarán reproducir pezas de barro mediante a técnica dos ‘churros’ e realizar impresións de elementos vexetais. Os máis atrevidos poderán tomar parte na elaboración de frechas e xavelinas ou aprender como moían os cereais os nosos antepasados coas indicacións dos membros do Clan de Breogán. Así mesmo, veremos unha exposición dos elementos que forman a panoplia do guerreiro galaico: escudos, lanzas, cotas de malla e espadas, coas que os participantes poderán fotografarse. Os obradoiros desenvolveranse na croa do castro a partir das 17:00, son gratuítos e non é necesaria inscrición previa.

O Castro Animado inclúe ademais outras actividades durante todo o serán. O actor cabanés Yago Espasandín interpretará ao castrexo Borneiro explicando aos visitantes a historia deste xacemento e os seus habitantes. Non faltará a música que correrá a cargo da banda de gaitas Inllar do Couto, que percorrerá os diferentes rueiros da citania de Borneiro. Os visitantes poderán participar tamén nunha animada sesión de maxia co Mago Antón. Poñerá o broche final ao Castro Animado a compañía Os Quinquilláns cunha representación baseada na vida castrexa.