Maratón e certame fotográfico en Cabana para este sábado 11 de maio: ¡anótate!

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

A actividade, con outras propostas paralelas, levarase a cabo entre as 11.00 e as 15.00 horas

10 may 2019 . Actualizado a las 16:57 h.

O Concello de Cabana segue dando pasos na difusión do seu patrimonio. Toca agora o natural. Para este sábado, 11 de maio, teñen organizado un maratón fotográfico coordinado por Ana García, fotógrafa de La Voz de Galicia, que permtirá logo presentar as imaxes á primeira edición do certame «Cabana de Bergantiños, patrimonio natural». De xeito paralelo, tamén entre as 11.00 e as 15.00 horas, na Casa do Pendón, haberá obradoiros para os nenos; pinchos elaborados polo alumnado de cociña de Cundísn, Corcoesto e Canduas baixo o mando de Félix Castiñeira e Juan Bautista Mato; degustación e cata de viños con Denominación de Orixe e sesión vermú con Judith Cundíns. 

Bases da I Edición do certame de fotografía ‘Cabana de Bergantiños, patrimonio natural’

  1. O obxectivo deste certame é a promoción do litoral de Cabana de Bergantiños a través de fotografías que reflictan a paisaxe deste concello.
  2. Poderán participar no certame todas as persoas que o desexen, afeccionadas ou profesionais, maiores de idade ou menores con autorización. Os menores de idade deben estar acompañados en todo momento por un adulto. Non poderán participar no certame os membros do xurado nin os familiares destes en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
  3. As persoas que desexen participar deberán cubrir o formulario que o concello porá á súa disposición y que será entregado ao inicio do maratón, o día 11 de maio de 2019, entre as 10:00 e as 11:00. No momento da inscrición entregaráselle un número de participante.
  4. Os traballos deben ser individuais e non se aceptarán traballos colectivos. Cada participante deberá posuír a súa propia cámara fotográfica dixital.
  5. Establécese un máximo de 10 fotografías por autor.
  6. O xurado premiará aquelas imaxes que destaquen os valores turísticos, que mostren aspectos singulares e atractivos dos recursos do concello de Cabana de Bergantiños. O xurado valorará aquelas imaxes que destaquen pola súa estética, dificultade e calidade técnica e compositiva.
  7. Os participantes no certame deben acreditar a ubicación das imaxes co fin de xustificar que foron tomadas no concello de Cabana de Bergantiños durante o transcurso do maratón fotográfico do 11 de maio de 2019.
  8. Só se admitirán imaxes en arquivos dixitais de captura de cámara. Non se admitirán fotografías manipuladas dixitalmente. No procesado só se admitirán axustes mínimos de encadre, corrección de cor, exposición e contraste. Quedarán excluídas as imaxes nas que se teñan engadido ou suprimido elementos. Poderanse presentar imaxes panorámicas. Cando a fotografía sexa seleccionada como finalista requerirase ao autor a presentación do arquivo orixinal de captura de cámara. A non presentación do mesmo suporá a descualificación do autor.
  9. Os participantes deberán enviar as obras en formato jpg a máxima resolución por Wetransfer ao seguinte correo electrónico: cultura.concello@gmail.com. No asunto da mensaxe deberá constar o número de participante que se lles entregou no momento da inscrición. Os participantes deberán entregar as súas obras antes das 23.00h do 13 de maio de 2019.
  10. O xurado poderá descualificar imaxes de seres vivos e/ou territorio que se sospeite que teñan sufrido dano ou alteración pola actividade do fotógrafo. Os participantes terán responsabilidade sobre posibles reclamacións por dereitos de imaxe ou terceiros.
  11. O xurado estará composto por un número par de membros, todos eles profesionais do ámbito da fotografía e imaxe, que serán nomeados polo concello de Cabana de Bergantiños.
  12. O fallo do xurado será inapelable e darase a coñecer aos premiados persoalmente mediante o correo electrónico facilitado na inscrición e na páxina web do concello de Cabana de Bergantiños
  13. O concello de Cabana de Bergantiños realizará unha exposición coas fotografías das series premiadas. No acto inaugural entregaranse os premios.
  14. Establécense os seguintes premios:

-Primeiro premio á serie de 5 fotografías con mellor técnica: 300,00 euros

-Segundo premio á serie de 5 fotografías con mellor calidade: 200,00 euros.

-Terceiro premio á serie de 5 fotografías máis orixinais: 100,00 euros

  1. Non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa. Poderanse declarar desertos un ou varios premios se a calidade das fotografías non alcanza a exixida polo xurado.

15. Para os menores de idade establécense os seguintes premios: Primeiro premio á serie de 5 fotografías con mellor técnica: vale para a compra de material por valor de 100,00 euros. Segundo premio á serie de 5 fotografías con mellor calidade: vale para a compra de material por valor de 75,00 euros. Terceiro premio á serie de 5 fotografías máis orixinais: vale para a compra de material por valor 50,00 euros

16. Os autores das imaxes son propietarios dos dereitos de autor. O concello de Cabana de Bergantiños poderá utilizar as imaxes ganadoras unicamente para a promoción do maratón e do litoral de Cabana.

17. O concello de Cabana de Bergantiños resérvase o dereito a editar un libro, calendario ou audiovisual coas obras presentadas e a utilizar as obras premiadas para promover futuras edicións do certame.

18.. A participación neste certame de fotografía implica o coñecemento e acepción das bases. Calquera incumprimento das bases pode ser causa de descualificación. As dúbidas sobre a aplicación das bases serán resoltas polo xurado.

19. Os participantes autorizan ao concello de Cabana de Bergantiños a enviar información por correo electrónico relativa a este maratón.