Cabana homenaxea o seu patrimonio sonoro

MÚSICAS DE INTERESE CULTURAL | O 1 de maio celebrarase na igrexa de Santo Estevo de Cesullas e no campo de San Fins un acto de tributo ás músicas locais e a Saturnino Cuíñas, coincidindo cos 20 anos do disco «No confín dos verdes castros». Milladoiro ofrecerá un concerto que se sumará ás actuacións dunha ducia de formacións musicais municipais


Carballo / La Voz

No seu portal web de cara ao mundo, o Concello de Cabana resérvalle un apartado enteiro ao patrimonio sonoro local. O municipio ten sido e é terra de músicos populares. Tamén de músicos de banda, de orquestra e de acordeonistas. Tantos anos de legado, de memoria musical, teñen convertido este recuncho bergantiñán nun referente patrimonial, e iso é algo que merece homenaxe. Para o vindeiro mércores, 1 de maio, o Concello ten organizado un acto de tributo ás súas músicas e, tamén, unha lembranza ao sacerdote folclorista Saturnino Cuíñas Lois, quen fora párroco de Cesullas e dotou de identidade á romaría de San Fins, xa sexa co Berro Seco ou co Santo da Pólvora. Este tributo programado en Cabana coincide, ademais, co 20.º aniversario do disco No confín dos verdes castros, do grupo Milladoiro. A histórica formación estará presente na xornada, pechando coa súa actuación, sobre as 19.00 horas, unha completa tarde de concertos das agrupacións locais.

A festa deste 1 de maio terá dúas localizacións principais: primeiro, a igrexa de Santo Estevo de Cesullas, onde haberá palabras de lembranza e unha sentida ofrenda floral, e despois o campo de San Fins, a onde chegarán os grupos en pasarrúas dende o templo: Cántigas da Terra, Os Farrapos, Coral de Cesullas, O Fol, Coral de Cánduas, A ti que che importa, Cantareiras de Anos, My Way, Cantareiras de Riobó, Ex Atalora, Mulleres de Musicoterapia e O Son do Castro. Alí, no campo, logo dun xantar conxunto e dunha pequena foliada polas mesas, terán lugar as actuacións vespertinas, cun variado programa que irán presentado Tamara Lema e mais Yago Espasandín.

Familiares de Cuíñas

Saturnino Cuíñas, con alma de músico, veu ao mundo en Cotobade (Pontevedra) en 1897. Faleceu en Cesullas (Cabana) en 1978. Moito podería escribirse del, da súa recolleita e apego á música popular, tendo convertido a romaría de San Fins do 1 de agosto na capital galega da música tradicional. Este vindeiro mércores, arredor de vinte familiares do sacerdote estarán presentes en Cabana, chegados dende Pontevedra e Asturias. O traballo discográfico «No confín dos verdes castros» será o outro grande protagonista da xornada. Foi encargado no seu día polo Concello de Cabana ao grupo Milladoiro, como parte dunha campaña de promoción turística, e vendeuse acompañado da guía de itinerarios do mesmo nome, elaborada por Xosé Manuel Varela. Gravado nos Estudios Cormorán de Padrón en 1999 (de aí os 20 anos), inclúe catro temas tradicionais de Cabana, algúns deles recollidos por Cuíñas (Maneo de Fontenla, Cantos de pandeiro de Cabana e Corcoesto, Muiñeira de Cabana e Rebordelos) e tres de composición do grupo inspirados en distintos espazos cabaneses (No confín dos verdes castros, O Santo da Pólvora e Dombate). O Berro Seco deulle tamén título ao segundo disco deste grupo folk. Durante o concerto, bailarán unha peza co grupo Adrián Méndez e Laura Nantón.

Non só Milladoiro ten buscado raizame e inspiración en Cabana. Investigadores e recolledores da talla de Dorothe Schubart ou de Pablo Díaz e Olga Kirk teñen andado polas súas parroquias. Tamén agrupacións como Cántigas da Terra, Xacarandaina ou Ruote. Leva isto a fala da Muiñeira de Cabana, incluída no repertorio de grupos como Luar na Lubre ou The Chieftains. Con tanta riqueza atesourada, editou o Concello no seu día o disco As nosas músicas: dignificación, preservación e legado ás novas xeracións. Un espírito que tamén está detrás do vindeiro 1 de maio.

O programa

Cando: O mércores 1 de maio

Onde: Igrexa de Santo Estevo de Cesullas e campo de San Fins do Castro.

O programa

Ás 12.00 horas. Concentración de todas as agrupacións musicais do municipio participantes neste acto de homenaxe, así como Cántigas da Terra e músicos de Milladoiro. A esta hora estarán todos na igrexa parroquial de Santo Estevo de Cesullas, onde o actual párroco, Liller Alexander Carrillo Delgado, fará unha lembranza do sacerdote Saturnino Cuíñas, fillo adoptivo de Cabana. Moncho do Orzán, arquiveiro de Cántigas da Terra, tamén lembrará ao cura folclorista.

Ás 13.00 horas. Inicio dun percorrido de todos os grupos ata o campo de San Fins do Castro. Irán saíndo as formacións de unha, cunha pequena distancia física e temporal entre cada unha delas, por esta orde: Cántigas da Terra (gaiteiros tocando diante), Os Farrapos, Coral de Cesullas, O Fol (tanto gaiteiros como cantareiras), Coral de Canduas, A ti que che importante, Cantareiras de Anos, My Way, Cantareiras de Riobó, Ex Atalora, Mulleres de Musicoterapia e, finalmente, O Son do Castro.

Ás 14.30. Unha vez chegados ao Campo de San Fins, procederase a un xantar conxunto, coa colaboración do Concello.

Ás 16.00 horas. Foliada ao redor das mesas e probas de son de Milladoiro.

Ás 17.00 horas. Comezan as actuacións: voces e músicas de Cabana e Cántigas da Terra. Dúas pezas por grupo (listaxe da dereita).

Ás 19.00 horas. Concerto de Milladoiro. Acceso libre e gratuíto á actuación.

Os grupos e as pezas que interpretarán

Cántigas da Terra

A «Foliada de Viascón» e a foliada «Miñas cousas» son os dous temas que interpretará esta formación, así como «Ruada de Rebordelo», que ofrecerá conxuntamente co grupo Milladoiro. Dende Cántigas da Terra chegarán ao redor de medio cento de persoas. Este coro coruñés ten un disco, «Espírito», no que se inclúen varias pezas legadas ao seu arquivo polo crego de Cesullas Saturnino Cuíñas: «Maneo de Trabazo», «Foliada de Aguasantas» e «Maneo de Fontenla».

Os Farrapos

Dez integrantes chegan dende Os Farrapos de Cesullas, que interpretarán «Romaxe de San Fins» e o pasodobre «O andante».

Coral de Cesullas

«Negra sombra» e «Canto de pandeiro de Cabana» son as dúas pezas elixidas por esta formación, cunhas 25 persoas.

Gaiteiros de O Fol

Son unha decena de integrantes neste grupo, que interpretarán o «Pasodobre de Eliseo O Melenudo» e a «Muiñeira de Rodríguez».

Pandereteiras de O Fol 

Tamén unhas dez persoas. Interpretarán «A Fiada» e «Muiñeira de Cabana».

Coral de Canduas

Unhas vinte persoas nesta formación ofrecerán os temas «Cabana de Bergantiños» e «Foliada de San Fins».

A ti que che importa

Con 8 integrantes, interpretarán «Pasodobre de Meira» e «Xavaxán» (muiñeira).

Cantareiras de Anos

Unhas 9. Avanzan as súas pezas: «Maneo de Cerqueda» e «Pasodoble de Santa Comba».

My Way

Este dúo achegará á xornada os temas «Camariñas» e «Vento do norte».

Cantareiras de Riobó

Son dez, coas pezas «Jota da Pedra» e «Muiñeira de Baíñas».

Ex Atalora

Atalora foi un grupo folk bergantiñán, un dos últimos en recollerlle cancións ao músico tradicional de Neaño Eduardo Vázquez Espasandín, máis coñecido como «O Jay Jay». Exintegrantes desta formación interpretarán o 1 de maio «Muiñeira de Cabana» e «Homenaxe ao Jay Jay»: serán 8 persoas.

Mulleres de Musicoterapia

Interpretarán o tema «Foliada de San Fins».

O Son do Castro

Dúas pezas, con 17 persoas nesta formación: «Foliada da Tiñosa» e «Muiñeira de Cabana».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cabana homenaxea o seu patrimonio sonoro