Xaquín Mato Castro, un cabanés con moita «raigame» compostelá

irene martín CARBALLO / LA VOZ REDACCIÓN / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

PACO RODRÍGUEZ

Natural de Canduas, en Cabana, ten 68 anos e leva en Santiago dende os 24. É todo un personaxe na cidade

06 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás cinco da mañá estaba no quiosco santiagués para empezar o reparto de xornais por distintas zonas da cidade. Desde que se xubilou hai un par de anos, Xaquín Mato Castro (Canduas, Cabana; 1950) dorme máis, aínda que é «moi raro» o día que non esperta ás catro e media, «pero que felicidade poder seguir na cama». Foi o impulsor da asociación de veciños do Ensanche, Raigame, que se creou nos anos oitenta para combater o «trapicheo e mal ambiente» que había na Rúa Nova de Abaixo. E de aí, ata hoxe, pero antes xa fora cobrador da luz para Jallas, traballou en Asturias e Suíza e fora profesor da autoescola Carballo. Nun accidente en 1975 perdera un brazo, e decidiu cambiar de aires, enfocándose á venda de prensa. Primeiro, na rúa República do salvador, e logo, na rúa Nova de Abaixo, en dous lugares.

Lembra os inicios na entidade veciñal: «Cando foi a época da droga paseino moi mal, mesmo tiven ameazas. Chegaba á tenda e había notas tiradas por debaixo da porta. Nunha dicía: «Te vamos a cortar el otro brazo». Menos mal que, daquela, me axudaron moito o comisario Avelino de Francisco e o inspector Antolín», segundo conta rememorando aqueles tempos tan difíciles nos que ás asembleas veciñais asistían trescentas ou catrocentas persoas, xuntanzas que se facían na antiga Aula de Cultura da Carreira do Conde, hoxe pechada.

Logo dunha vida entregada ao comercio e ao asociacionismo, Xaquín é agora presidente de honra de Raigame, pero segue colaborando coa asociación: «Hoxe os problemas son os ruídos nocturnos e o botellón. É normal que na rúa de Alfredo Brañas estean enfadados, porque aí se molesta moito. Na Rúa Nova de Abaixo temos problemas co botellón no número 10, que estamos procurando solucionar; e nas galerías dos números 27-29 hai indixentes que dormen aí, así que andamos a intermediar entre eles e os poderes públicos». Tamén lembra que coa movida dos noventa os taxis non entraban na rúa a partir dunha determinada hora, «pero era distinto de agora, porque chegaban as dúas ou tres e desaparecía todo, mentres que hoxe hai xente ata as seis ou sete da mañá», sinala.

En perspectiva

En perspectiva histórica, lamenta que «nunca» se fixeran «cousas eficaces» que dinamizasen a zona nova de Santiago: «Moitos estudos e plans, xuntanzas interminables, charlas técnicas… pero resultado, ningún. Eu non o vexo». A súa filla María púxose á fronte do negocio logo da xubilación de Xaquín: «Quedei contento cando me dixo que quería coller a tenda, aínda que tamén é un traballo moi escravo». Abrira o quiosco en 1980 e, en 2015, baixou a un local moito máis amplo para dar cabida ao crecemento da sección da papelería.