«¡Bergantiños ten tanta cousa boa!»

Con novo traballo, o cantante, compositor e investigador de música tradicional Pablo Díaz vén de visitar O Couto, un dos moitos lugares que lle traen lembranzas


Carballo / la voz

Pasou a súa primeira infancia en Fene e reside na Coruña hai moitos anos, pero a Costa da Morte e Bergantiños ocupan un lugar especial na traxectoria de Pablo Díaz (1972). Cantante, compositor e investigador da música tradicional galega -é coautor xunto con Olga Kirk do Cancioneiro de Cabana de Bergantiños-, visitou o Día de Reis a Aldea do Couto co seu máis recente traballo, o libro-disco Coas miñas mans (Galaxia), para nenos e nenas de 3 a 6 anos: nel trata as vogais, as cores...

-¿Como foi a volta ao Couto?

-¡Moi ben! Volver sempre é unha marabilla, porque alí fun mestre de baile e música tradicional: botei como nove ou dez anos. Para min é reencontrarme coa xente que tanto cariño me deu. Lembro tamén o paso pola Praza dos Libros de Carballo, en xullo: a carpa estaba ateigada.

-Curioso que recolleran tanto dos maiores e que agora llo poidan ceder aos máis pequenos.

-Certo, porque detrás da miña música entre comiñas «moderna», hai moita tradición. Frauta, gaita... Sempre ten ese pouso. Mesmo tamén se nota na rítmica, porque hai muiñeiras, xotas...

-Semella que cada vez se está a facer máis música en galego para os pequenos.

-Si, houbo un cambio. O boom foi hai cinco ou seis anos: estase coidando moito a calidade e hai grandes grupos traballando a música infantil. Dá gusto e eu mesmo, como pai [Icía ten 14 anos e Alberte, 12, os dous introducidos xa na música], síntome contento de que haxa esa oferta en galego para nenos e nenas do país.

-Ten dito que, para o idioma, é importante traballar as bases.

-Estamos perdendo galegofalantes a unha velocidade abismal. Nótalo nos nenos, e non xa só nas cidades, senón nas vilas. Creo que, precisamente, a loita está agora nas vilas pequenas e intermedias, que van collendo unha dinámica da que é moi difícil volver atrás. É unha mágoa. A nosa lingua é un patrimonio de todos. Deberiamos facer por mellorar a situación: non quero ser negativo, pero teño que selo.

-¿Como o reciben os nenos?

-Moi ben, moi ben. Co tema do galego, por exemplo, hai nenos que, á hora de asinar, me veñen intentando falar galego. É importante que teñan esa intención, porque saben que canto en galego.

-¿Que lle quedou daqueles 20 anos que botaron por Cabana percorrendo aldeas e recollendo tesouros da tradición popular?

-¡Eramos tan novos! Tiñamos 18 ou 19 anos. Botando agora a vista atrás lémbroo como algo moi bonito. Foi unha época intensa: iamos case todas as fins de semana. Botabamos o ano dun lado para o outro. Bergantiños ten tantos segredos... ¡tanta cousa boa! As muiñeiras vellas, os xogos como a muiñeira corrida, o chotis solto... Hai cousas únicas. Os maneos... Un folclore propio que hai que poñer en valor. Creo que nos escenarios é máis que evidente que se leva con moito orgullo. Hai grupos da zona de Vigo ou Pontevedra que alucinan co tema dos maneos. É para eles algo exótico, distinto ao folclore que teñen alí. Xosé María [Varela] e Xosé Manuel [Varela] foron fundamentais para que ese traballo fose posible, fixeron de enlace coa Deputación. Lembro que volvín reescoitar todo, por se houbera algún fallo, e aquilo deberon ser seis meses de tres ou catro horas diarias transcribindo. É un traballo grande, 200 páxinas de libro que se esgotou xa entón, pero que está dispoñible para consultas na web municipal.

-Moita xente xa non está, pero outra lembra aqueles mociños.

-Xa daquela, naqueles percorridos, vimos xente de 92 anos tocando a pandeireta. Estamos falando do 93, 94... Creo que aquel momento foi único. Por un lado, porque esa xente xa non volve, e, por outro, pola inmensa variedade recollida: cantos de cego, de Nadal... ¡de todo!

-¿Segue recollendo, investigando? ¿Por onde vai o seu camiño?

-Sigo colaborando en traballos con outros músicos e recolledores. Sobre o que teña, cedo información. Participamos, por exemplo, no libro de Pazos de Merexo, sobre o acordeón diatónico na Costa da Morte. Cousiñas puntuais. Logo sigo co grupo Donaire e con Ruote a veces xuntámonos e en ensaiamos, aínda que non andemos polos escenarios. Xa é un círculo de amizade. Estiven tamén en Tátara Trío, un proxecto que xa pasou. En cada grupo faciamos un tipo de música distinto. A maiores está o tema dos nenos, que xa non ten nada que ver [ri].

-Algo que o leva por toda Galicia.

-Si e, aínda que tamén os concertos, hai unha actividade que gozo moitísimo, os cantacontos para bebés. Fago contos musicados e vou introducindo instrumentos. ¡É tan gratificante! Tan cercano...

-¿A súa banda é sempre a mesma?

-Guitarristas traballo con varios, porque dá un resultado sonoro moi distinto. Pero máis ou menos, si. Sobre todo, para min, na música tradicional e na música para os nenos, é clave o acordeón. A súa importancia en Galicia, tanto do diatónico como do de piano, é máxima, e máis aínda en zonas de costa. O acordeón chegou polo mar, dende Arxentina, Cuba, Brasil...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«¡Bergantiños ten tanta cousa boa!»