Cabana presume ao longo deste mes dos seus saberes e sabores

La Voz

CABANA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

O programa cultural e patrimonial para a primeira quincena de decembro inclúe gastronomía, música, exposicións e moito coñecemento

02 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En Cabana collen con forzas a recta final do programa Outono do Patrimonio, no que colaboraron estreitamente Concello, Deputación e Secretaría Xeral de Política Lingüística para presentar un conxunto de actividades variado e moi rico a nivel cultural. Danzas do mundo, música coral e foliadas, solidariedade en forma de Samaín, romaría de San Fins para os máis pequechos, literatura, teatro para bebés e, sobre todo, moito patrimonio para coñecer e recoñecer o propio.

Nesta primeira quincena de decembro Cabana centra o seu calendario de actos nos Saberes e Sabores do Concello. Por unha banda, cunha ruta de pinchos que exaltará esa faceta gastronómica en pequenas porcións na que son tan expertos os establecementos de restauración do municipio. Participarán un total de sete, que servirán os petiscos o vindeiro domingo, en horario de mañá.

Pero tamén haberá saberes, coñecemento e ilustración. O xoves, día festivo, obradoiros da prehistoria coa empresa Galipat, que tan ben xestionou a Aula Didáctica do Neolítico instalada na antiga unitaria de Borneiro. Explorarán a caza e a cerámica nun entorno único, como é o Dolmen de Dombate, e farano no horario de apertura do centro arqueolóxico: de 10.30 a 14.00 horas, e de 16.00 a 18.30 horas.

O guía Suso Martínez, encarnando ao bardo Eduardo Pondal, ofrecerá unha visita teatralizada no centro arqueolóxico o día 7 (venres), a partir das 18.30 horas.

Ademais, compartirá tamén parte do seu coñecemento o físico Jorge Mira, que o vindeiro sábado, día 8 (22.00), dará unha charla en Dombate para guiar, seguidamente, unha ruta para o visionado do ceo de inverno.

No ámbito musical, ademais das foliadas polas parroquias previstas para a próxima fin de semana, a Coral de Cesullas coordinou para o día 8 o seu tradicional certame de corais «Tempos de Nadal», ao que cada ano acoden varias agrupacións convidadas de toda Galicia.

Visitas guiadas, exposición de artes e traballos manuais, a entrega dos premios do certame «Contos de Nadal»... Un fin de outono para festexar e exaltar o inmenso valor patrimonial do Concello de Cabana.

Sete locais súmanse á ruta de pinchos do próximo domingo 

A Ría, San Martín e Mar de Ardora -de Canduas- e Bar Rellán, Costa Verde, Tasca A Tiñosa e Monte Branco -de Neaño- son os sete establecementos que participarán este ano na ruta de pinchos incluída no programa Saberes e Sabores. Celebrarase o vindeiro domingo, día 9, unicamente en horario de mañá, de 11.00 a 15.00. Como sempre, os cativos poderán facer uso dun animado tren turístico e O Son do Castro e Os Farrapos ofrecerán animación musical.

Ana Garcia

Premios do certame «Contos de Nadal», a entregar o día 15

Eloy Mato, Yago Espasandín e Tamara Lema serán os encargados de animar, o próximo día 15 (Dombate, 12.00), a entrega de premios do certame de La Voz «Contos de Nadal», no que participan nenos de primaria de toda a comarca.

Visitas guiadas, pintura e cestería. Na ponte festiva

A gran catedral megalítica volve a centrar o programa cultural e patrimonial cabanés destes próximos días. Dos días 6 ao 9 de decembro, coincidindo coa longa ponte festiva, haberá visitas guiadas no Dolmen de Dombate nos seguintes horarios: de 10.30 a 14.00 horas, e de 16.00 a 18.30 horas. Ademais, quen considere achegarse ata o centro arqueolóxico atoparase eses días cunha boa mostra das artes e traballos manuais do Concello, pois o dolmen acollerá eses días unha exposición de Jaime Gagino e Matilde Vilariño. El, coñecido artesán da comarca, amosará ao visitante os seus traballos de cestería. Ela, que recentemente enchía o auditorio municipal na presentación da súa obra «Poemas que non foron nada», levará unha representación do seu traballo pictórico. Poderá verse en horario de apertura.

Clase maxistral. Hoxe, ás 17.00, en Dombate

O recinto de Dombate seguirá ofrecendo este mes bos momentos musicais. Despois do rotundo éxito do concerto de Carlos Núñez nos meses de verán, e da mestría compartida de Kepa Junquera en agosto, hoxe aterrarán no centro arqueolóxico Irma Macías e Bieito Romero, compoñentes do mítico grupo Luar na Lubre -recén regresado dunha xira por América Latina- para ofrecer unha clase maxistral nas instalacións do dolmen. Será ás 5 da tarde, e con entrada gratuíta. «Unha mostra da música tradicional galega, onde a zanfona e a voz serán as protagonistas, xunto co acordeón. Combinaremos ritmos, romances e melodías tradicionais, tratando de crear así un ambiente ameno e do agrado da xente, amosando ao mesmo tempo a música tradicional galega», comentaba onte Irma Macías.

«As nosas músicas». A vindeira fin de semana

Para «poñer en valor as tabernas do rural como centros culturais», para que volvan a estar «cheos de vida» e non esmorezan co paso dos anos e o despoboamento do rural, impulsouse en Cabana o ciclo As nosas músicas, unha iniciativa que percorre cada recuncho do Concello levando foliada, ritmo e diversión. Algunhas xa foron celebradas con éxito, máis hai outras que están aínda por vir na vindeira fin de semana: o próximo venres, día 7, na parrillada Rempenín (18.00) e o bar Josefa (20.00), ambos en Riobó, así como no Xastre de Anos (19.00); o sábado, día 8, na taberna Eiroa (20.00) e o bar O Seixoso (21.00), de Cesullas e no bar Caribe, emprazado en Cundíns (21.30 horas). Alternaranse os grupos My Way, Aires do Pinar, Os Farrapos de Cesullas e O Son do Castro.