Cabana festexa 40 anos de democracia

Alcaldes e concelleiros das corporacións dende o 1978 ata a actualidade serán recoñecidos hoxe ás 12.00 horas no auditorio municipal. No acto haberá tamén música e, sobre todo, moita historia local. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participará na entrega de agasallos


Carballo / La Voz

Recoñecer a todas as persoas que formaron parte das corporacións democráticas era algo que en Cabana tiñan xa pensado hai un tempo, mais vai ser hoxe, aproveitando a efeméride dos 40 anos da Constitución Española -foi ratificada o 6 de decembro do 1978-, cando se celebre este acto tan simbólico. Alcaldes e concelleiros de todo este tempo, así como os familiares daqueles que xa faleceron, están convidados a tomar parte na cerimonia, que se levará a cabo ás 12.00 horas no auditorio municipal.

«Libro de actas del Ayuntamiento Constitucional de Cavana. De los años 1836 y parte del 1837, siendo alcalde 1º del mismo don Manuel Martínez de Andrade y 2º Don Francisco de Arijón y Romero...». En tempos liberais da raíña Isabel II, eran estas as letras iniciais dos dez folios que daban forma ás actas constitucionais do Concello de Cabana, que sería chamado oficialmente Cabana de Bergantiños nos anos 90 do século XX. Tales palabras serán levadas de lembranza -plasmadas nun pequeno agasallo deseñado por Íntegro para a ocasión- por todos os recoñecidos hoxe no auditorio.

Coñecerán tamén como comezaba entón unha historia de traslados, cambios de réximes políticos e alcaldías entre as que destacaron nomes como os de Alejo Varelo Centeno, rexedor republicano entre abril e agosto de 1936, cando deixa de selo tralo estoupido da guerra civil. Simbólico é o feito de que, neste recoñecemento polos 40 anos, vaia ser o seu tataraneto Yago Espasandín un dos presentadores, na compaña de Tamara Lema.

Nomes destacados

Manuel Riobó, Manuel Suárez do Rieiro ou Julián Tedín Esmorís son nomes que veñen á memoria dos máis veteranos. Das primeiras eleccións democráticas sairía elixido Manuel Fariña Súarez, quen foi renovando mandatos ata a chegada de Manuel Barral Castro no 1995. Volvería Fariña no 1999, tendo que ser substituído máis tarde na alcaldía, por motivos de saúde, por Xosé Ramón Lema Mira e Enrique Díaz Varela. Foi no 2003 cando chegou o actual rexedor, José Muíño Domínguez.

Boa parte desta historia será lembrada no encontro previsto para hoxe, e cuxo arranque correrá a cargo da coral de San Martín de Canduas co tema Cabana de Bergantiños, do sacerdote Antonio Méndez Farto. Tamara Lema irá detallando algúns dos episodios máis destacados destes 40 anos e as súas palabras serán logo relevadas polas voces da coral de Cesullas coa Foliada de San Fins.

Yago Espasandín, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que será o encargado de impoñer os pins e entregar os agasallos, irá mencionando o nome de todos os alcaldes e edís que pertenceron á corporación dende a entrada da democracia, un acto que finalizará cunha imaxe para a posteridade e coa interpretación do Himno Galego a cargo de O Son do Castro.

«Meu tataravó tiña un pensamento progresista para a época»

Yago Espasandín, un dos presentadores do acto de hoxe, confesa que será no seu caso especial. Ten na memoria ao seu tataravó Alejo Varela Centeno, o último alcalde republicano que tivo Cabana. «Crieime coa miña bisavoa e ela contábame cousas, anécdotas, de Franco que viña enriba, de cando o viñan buscar...». Sabe de Alejo que foi un empresario importante: «Veu de Corme para Cabana porque aquí había industria, o cal xa nos fala dun tempo. El foi patrón de tres barcos». Na súa familia trasladáronlle, pois, a idea dun home con compromiso, e cun «pensamento progresista para a época». A súa morada, Alexos, foi noutrora casa de comidas de grande reputación.

Dende as xurisdiccións do Antigo Réxime á capitalidade actual

A historia e o patrimonio local de Cabana son terreos que Ángel Eiroa Pose, técnico e guía en Dombate, coñece ben. El é o autor dun texto que condensa a historia do Concello de Cabana. Entre a división en xurisdiccións do Antigo Réxime e a actual capitalidade oficial na Carballa -acordada no pleno da Deputación o 24 de setembro de 1983- houbo camiño e mudanzas por medio.

Foi no 1820, conta Eiroa, cando se levou a cabo o primeiro intento de municipalización de España: Corcoesto sería daquela nomeado concello. No 1833 chegaron os actuais, e con el o de Cesullas: «Con este nome recólleo Pascual Madoz (...), do que nos informa que a súa poboación eran de 1060 almas morando en 212 vivendas».

O nome de Cabana ten a súa orixe no lugar do mesmo nome, parroquia de Cesullas, onde estivo situada a primitiva casa consistorial. Elixiuse esta aldea «pola equidistancia entre os concellos de Ponteceso e Zas». Entre os anos 1840 e 1843 romodélase o mapa municipal da provincia, quedando Cabana coas parroquias de Laxe e boa parte das de Ponteceso e Coristanco. Non foi adiante.

O consistorio pasaría de Cabana ó Burgo, tamén en Cesullas. De aí, ao Bosque. No mandato de Alejo Varela chegaría a estar nunha casa da súa propiedade, en As Revoltas, pero en agosto do 1936 volveu ao Bosque, onde fincaría ata 1947, cando foi trasladado ao lugar de Áspera (Cesullas).

No 1971 acorda a corporación concentrar servizos nas inmediacións do chamado Colegio Nacional de Las Revoltas e na nova casa consistorial da Carballa comezarían a funcionar as oficinas municipais en abril do 1978. Houbo un intento de cambio de capitalidade, para Neaño, pero finalmente, e ata a actualidade, alí se segue labrando a historia de Cabana.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cabana festexa 40 anos de democracia