Patrimonio e aprendizaxe sobre rodas

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

O Concello de Cabana ten preparado para mañá un Día da Bici que partirá do dolmen de Dombate para logo percorrer un entorno de elevado valor arqueolóxico. «Arqueociclismo polo chan de Borneiro» é unha cita para toda a familia, apta para pequenos e maiores

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Convidamos á xente a que saque a bicicleta que ten no garaxe todo o ano, a que lle quite o pó, lle bote un pouco de aceite á cadea e veña», di o técnico Ángel Eiroa, Lito. Arqueociclismo é o nome que en Cabana lle dan a unha actividade iniciada no seu día con moi boa acollida. Un Día da Bici certamente particular, porque transcorre polo rico chan de Borneiro, zona arqueolóxica ben destacada e de moi relevante interese patrimonial. Será mañá mesmo, domingo, con horario de concentración fixado para as once. «Ademais do dolmen de Dombate [punto de inicio e de remate do percorrido], aquí temos tamén o castro de Borneiro e mesmo pasaremos ao lado dunha zona onde se atopou unha tumba da Idade de Bronce, a Cista da Insua, hoxe no castelo de San Antón», contou Eiroa en Radio Voz. Esta xornada de arqueociclismo, promovida polo Concello carbanés, é posible ao abeiro do convenio subscrito coa Deputación, titular do dolmen, para a realización de actividades paralelas e complementarias ás visitas propiamente ditas que se levan a cabo en Dombate dende hai anos.

Aínda sendo sobre dúas rodas e tendo por suposto carácter deportivo -que non competitivo-, o fin é moito máis amplo: «Estas rutas serven para dar a coñecer o patrimonio aos veciños e aos visitantes que acoden a elas. E non só Dombate, senón tamén o entorno. Como din os arqueólogos, non só os xacementos teñen interese, senón tamén a situación do xacemento no espazo. ¿Por que esa xente de hai 5.000 anos situou aí ese dolmen ou por que ese castro está aí? Hoxe en día, os estudos da paisaxe tamén son interesantes para saber o porqué», engadiu Lito.

Para toda a familia

«Os pais tiran polos nenos e os nenos tiran polos pais»: así veu sucedendo nos últimos Días da Bici, unha cita que, tamén en Cabana, ten carácter familiar: «Dende nenos de meses ata veteranos, unha ruta para todo o mundo». Os que aínda non se teñan inscrito poden facelo mañá mesmo, antes da saída, trámite preciso para así dispor do necesario seguro. Protección Civil irá abrindo e pechando unha comitiva que poderá gozar da bicicleta, da paisaxe e, tamén da aprendizaxe: «Nunca hai que deixar de lado estes lugares». De fondo, a idea de incitar un achegamento ao dolmen, catedral do megalitismo galego: xa sexa por un motivo turístico ou, neste caso, por un aliciente deportivo: «Queremos que se achegue todo tipo de público». Todo o tempo que dure a ruta, seguirá habendo tamén visitas guiadas a Dombate.

Fontefría, Vilaseco, Vista Alegre ou O Briño, entre as paradas da ruta

«Faremos unha especie de cuadrícula polo chan de Borneiro», avanza Eiroa. O percorrido sairá de Dombate e a Dombate regresará -circular, por tanto-, pero irá pasando polo medio por núcleos como Fontefría ou como Vilaseco, lugar este último «batido polo aire», como lle tivera escrito o bardo Eduardo Pondal. Novidade deste ano será a parada na Aula Didáctica do Neolítico instalada na vella escola da Porreira, no local social de Borneiro, unha iniciativa estreada recentemente e que leva días e días de intensa actividade, recibindo escolares de moi diversos puntos de Galicia. Alí explicaráselles aos asistentes, dun xeito ameno, dende os materiais ata os modos de vida: ¿Como eran aqueles tempos nos que se levantou o dolmen?.

Vista Alegre será o seguinte lugar na ruta e logo farase parada no entorno da Capela do Briño. Aí, lugar da tradicional romería do Carme, reporase forzas antes de emprender de novo o camiño de volta a Dombate. Contan con que o traxecto leve unhas dúas horas: son 14 quilómetros por zona de chaira. Unha ruta, pois, «moi doada».

Visitas nocturnas súmanse ás guiadas no dolmen nos meses de xullo e agosto

O dolmen de Dombate pode visitarse de xeito «non-stop», como di Ángel Eiroa, xa que ten servizo de vixiancia permanente. Non obstante, esa visita por libre queda enriquecida se se fai dun xeito guiado, agora mesmo en horario de 11.00 a 14.00 horas de martes a venres e, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 nas fins de semana. O 1 de xullo volverá a comezar a tempada alta e, para daquela, os percorridos con guía poderanse facer de luns a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, ata o 16 de setembro. Sempre de xeito gratuíto.

Ás once da noite

Hai xa un par de anos que, no verán, se veñen levando a cabo tamén visitas nocturnas. Toda unha experiencia para coñecer os segredos de Dombate no medio da noite e, se cadra ben, dun luar. Haberaas os días 13 e 27 de xullo, así como 3 e 17 de agosto (venres). Sempre ás 23.00 horas e cun máximo de 30 persoas. Necesaria inscrición previa.

Algo do moito que virá no verán

  • «No tempo das pedras»: visitas teatralizadas ao dolmen de Dombate cos Quinquilláns.

«No tempo das pedras»: visitas teatralizadas ao dolmen de Dombate cos Quinquilláns. Petiscos teatrais para coñecer máis dos tempos do megálito: días 7, 14, 21 e 28 de xullo (sábados), cunha primeira sesión ás 18.00 horas e outra ás 19.30. Foi todo un éxito o pasado ano, unha proposta que tamén seguirá en agosto: días 4, 18 e 25, sábados. Novamente, ás 18.00 e 19.30 horas. De balde.

BASILIO BELLO

  • Castro animado de Borneiro.

Castro animado de Borneiro. Unha festa xa indispensable no calendario do verán da Costa da Morte. Para ir facendo boca, pódese destacar a presenza do mago Antón coa súa «Volta a Galicia en 313 concellos». Artesanía, música, unha foliada en colaboración coa agrupación O Son do Castro... Tamén, visitas teatralizadas ao xacemento co castrexo Borneiro. Será o vindeiro 28 de xullo.

BASILIO BELLO

  • Ruta das Estrelas.

Ruta das Estrelas. Non veu habendo verán en Cabana nos últimos tempos que non incluíse unha ruta das estrelas guiada polo físico baiés Jorge Mira. Aínda que faga mal tempo, posponse, pero sempre a hai, e con éxito de convocatoria. Desta volta, a camiñada polos montes de Borneiro está prevista para o 10 de agosto, venres, con saída ás 22.00 horas do dolmen de Dombate.

ANA GARCÍA

  • Mediodía musical con Kepa Junkera.

Mediodía musical con Kepa Junkera. O entorno do dolmen de Dombate é bo acolledor de artesanía, de simposios, de encontros e tamén de música. Para a xornada do 19 de agosto, ás 12.00 horas, hai preparado un mediodía especial, unha clase maxistral con Kepa Junkera, mestre da trikitixa que tamén bebe da tradición da Costa da Morte. Será debaixo do pinar do megálito. Un espazo de luxo.

Ana Garcia

  • Carreira Popular Dolmen de Dombate.

Carreira Popular Dolmen de Dombate. Xa para ir despendido o verán, máis deporte. Para o 22 de setembro está prevista unha nova edición -a quinta- da Carreira Popular Dolmen de Dombate. Tarde dedicada ao encontro e ao atletismo, con saída ás 17.00 horas. Outro bo momento para achegarse ao xacemento, pois, aproveitando o desprazamento ata o municipio cabanés.

JOSE MANUEL FERREIRO