O patrimonio e o Neolítico, feitos escola en Cabana

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

A aula didáctica creada na vella escola de Borneiro reforza a experiencia da visita a Dombate. Entre maio e xuño máis de 2.070 rapaces de Galicia pasarán polos seus talleres. Tecido, lume, caza, gravados, música, pinturas, cerámica ou excavación son áreas que tocan

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Isto dálle un plus á visita ao dolmen», asegura Beatriz Gómez, licenciada en Historia e profesional da didáctica sobre esta materia, o patrimonio e a arqueoloxía. Ela, xunto con Sarely Montero, é unha das monitoras de Galipat encargadas da aula didáctica creada na antiga unitaria de Borneiro, a uns pasos de Dombate. Por iniciativa do Concello de Cabana, patrimonio e Neolítico fixéronse escola. Para maio e xuño hai máis de 2.070 alumnos e 145 docentes confirmados.

As primeiras visitas foron as do CRA Os Remuíños de Cabana, as do San Xosé Obrero de Meicende e as de alumnos de primeiro de carreira da Facultade de Historia de Santiago. Idades moi variadas -tamén primaria e ESO- e procedencias do máis diversas: Compostela, Portas, Ribeira, Carballo, Santa Comba, Oleiros, Laxe, Bertamiráns, Narón, Ponteceso, Fisterra, A Coruña, Muxía, Cee, Buño, A Laracha, Camariñas... No antigo centro escolar de Borneiro, en desuso tralo seu peche a non ser polas clases de O Son do Castro, reconstruíuse coa colaboración de Deputación, un espazo doméstico desa época: «Así os rapaces poden saber como vivía a xente no tempo do dolmen, porque é algo que non se imaxinan». Na parte superior ofrécense talleres: sobre tecido a través de teares nos que verdadeiramente crean pezas; sobre lume, gravados, música, pinturas, cerámica e ata escavación, converténdose en arqueólogos. Foi tal a acollida que maio e xuño están completos: «Xa non queda nada», engade a monitora.

ANA GARCIA

«Son obradoiros experimentais nos que traballan con materiais de verdade»

«Os nenos quedan súper contentos con estes obradoiros didácticos e tamén ao ver a cabana. Moitos visitan o dolmen, pero non entenden como vivía a xente nesa época. ‘¿Vivían coma os indios?’, preguntan». Estas palabras de Beatriz Gómez, socia fundadora de Galipat xunto con Fernando Quintas, afianzan o sentido da idea impulsada polo Concello de Cabana, o de poñer en marcha unha aula que complemente a visita a Dombate. «Cóntaselles que non, que estas persoas xa vivían noutro período cultural diferente ao dos indios americanos. Cultivaban a terra e tiñan gandeiría», explica.

Beatriz é a encargada do «deseño do produto», do que se lle ofrece aos pequenos, un traballo que logo complementa Sarely Montero coa «metodoloxía», dende a súa profesión de pedagoga. Gandeiría, agricultura e cerámica tocan estes talleres experimentais que lles permiten aos rapaces quedar cunha idea clara do Neolítico e traballar con materiais de «de verdade»: arxila, pigmentos, caolín... «O centro de interpretación do dolmen de Dombate está moi ben, pero faltáballe unha aula didáctica que agora si ten, onde os nenos poden ver unha cabana feita con materiais e especies autóctonas recollidas no monte. Xesta local, xabre da zona, a arxila tamén... Todo o que se usou é de Cabana ou dos arredores», explica Beatriz, que pon en valor o feito de que estas actividades sexan gratuítas.

Valenciana, fala da boa experiencia que isto supón e faino nun galego que tamén domina Sarely, mexicana. Ela, que leva un ano con Galipat, coñecía menos a zona, pero amósase encantada: «A xente é xenial, cómese xenial, se dás unha volta tés a praia aí...». Como Beatriz, gaba o proxecto: «Paréceme moi boa idea. Difundir o patrimonio a través de actividades para as escolas é algo que a maioría dos concellos deberían poñer en valor. Unha boa práctica que se debería levar a cabo noutros lugares». Por diante quédanlles xornadas intensas, como a de mañá, luns, cun grupo de 96 estudantes. Talleres e visitas fanse por quendas. .

Jose Manuel Casal

Percorridos guiados para unha experiencia óptima no megálito

O dolmen de Dombate, catedral do megalitismo galego, é unha das paradas necesarias en calquera visita á Costa da Morte. Moi preto, tamén en Borneiro, está o castro A Cidá, tamén preciso. Ben provincial, Dombate tense convertido nos últimos tempos nun polo de reunión e actividade, atraendo cada vez máis visitas.

Pódese visitar por libre -hai un servizo permanente de vixiancia-, pero tamén gozar das explicacións didácticas que ofrecen Virginia Ameijenda e Ángel Eiroa, Lito. Neste tempo de primavera, ata o 30 de xuño, estes percorridos aglutínanse no seguinte horario: de martes a venres, de 10.00 a 14.00 horas; e sábado e domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Do 1 de xullo ao 16 de setembro, será de luns a domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Gratuíto.

ANA GARCIA

Teatro, música, deporte, contos e divulgación forman parte do programa de primavera a vivir en Cabana

Os obradoiros na vella escola de Borneiro que desvelan desde este espazo didáctico os segredos do Neolítico non son a única opción en Cabana para esta primavera. O Concello, coa colaboración da Deputación, ten en marcha un amplo programa de propostas que xa botaron a andar o día 2 con Talía Teatro e a súa obra Pelos na lingua. Isto foi no auditorio municipal, onde tamén os pequenos podrán gozar de Ela, con Caramuxo Teatro, o vindeiro mércores 16 (12.00). Para o domingo 27 deste mes está organizada unha mañá de arqueociclismo polo chan de Borneiro, un Día da Bicicleta con moito peso do patrimonio e da natureza que partirá ás 11.00 da mañá do propio Dombate.

O mes de xuño achégase asemade moi intenso: clausura das escolas deportivas municipais (2 de xuño, 16.00 horas, pavillón municipal); clausura da Escola Municipal de Teatro (domingo 3 de xuño, 17.00 horas, auditorio municipal); clausura da Escola Municipal de Música (domingo 10, 18.00 horas, auditorio municipal) e despedida da primavera dende o dolmen (luns 17, con música, contos, talleres, tren, xogos, concursos...). Pablo Díaz volverá a estas terras co seu espectáculo musical Xente miúda, moita fartura, algo que está previsto para o martes 19 de xuño, ás 12.00 horas. Do 28 ao 1 de xullo, por outra banda, o pavillón albergará actividades divulgativas sobre a ataxia. Obradoiros, exposicións, premios, visionados e estands integrarán o congreso.

A Deputación estimula a creación cun concurso de turismo escolar

A todos os colexios que se achegan ao dolmen e ao espazo didáctico de Borneiro, explica Ángel Eiroa, repártaselles información sobre a segunda edición do concurso de turismo escolar que promove a Deputación da Coruña. Está dirixido a escolares de entre 4 e 16 anos de calquera centro da provincia e poderán optar aos galardóns aqueles que presenten unha obra en formato debuxo ou traballo creativo inédito sobre a visita que realizaron a fitos patrimoniais do ente provincial, que na comarca son as Torres do Allo, o dolmen de Dombate, os Batáns do Mosquetín, o Ecomuseo Forno do Forte de Buño e o castelo de Vimianzo. O prazo para presentar propostas finalizará o 30 de xuño. Fallarase o concurso antes do 1 de setembro.