Dolores e o «rural Spain»

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CABANA DE BERGANTIÑOS

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai preto mundos onde os meses se contan polo tempo que resta «para a festa dos maiores». Diso depende ás veces a roupa do ano, a perruquería das semanas antes. Teño coñecido partes veciñais nos que, coma nas noticias do corazón, se lle dan voltas e reviravoltas aos mesmos momentos, días seguidos, a aquel que vendeu os pinos, ou á falta de auga e de chuvia. Hai tamén vilas máis grandes -porque os que somos de aldea, aínda nunha cidade, acabamos falando do mesmo- nas que as xornadas dos máis veteranos van xirando en función de cando toca ou non toca ir ao médico, á farmacia. Os maiores sono en todos os lados, e non importan os edificios ou as colmeas de apartamentos: ao final, cos anos, un acaba volvendo á esencia. Os tempos de labranza, os respiros que deixa o sol, o enchoupada que está a terra... Imaxino as conversas nestes mundos dos que falo, mundos onde o filosófico vai máis alá dunha frase no Instagram. A Dolores Leis hanlle de falar ben veces do que sucedeu estes días, da dimensión que alcanzou a súa imaxe como «dobre de Trump». Falan medios internacionais de que ela vive na «rural Spain», e daquela non me queda outra que imaxinar a intro dunha película na que do «rural Spain» pasarían ao «rural Galicia», ao «rural Costa da Morte», ao «rural Cabana de Bergantiños», ao rural «Nantón» e, xa aí, ao «rural Os Martices». ¡E con matices! Imaxino a Dolores, cos brazos pousados no mango do sacho, volvendo a repetir: «Eu penso que ten ser pola cor do pelo». Dío en serio. Como cando unha premiada na lotería de Nadal me contou que a súa vida seguía igual nese día da feliz nova: «Acabo de chegar de estender o esterco». ¡De verdade! Todo seguirá igual. A esencia do noso rural merecería ben ser viral.